Cuntis suspende o uso de pirotecnia nas festas polo risco de incendio

Cuntis suspende o uso de pirotecnia nas festas polo risco de incendio

Galicia está a rexistrar o maior incendio da súa historia

O Concello de Cuntis anunciou a suspensión do uso de pirotecnia nas festas patronais que se están a celebrar desde este venres. Comentan que se debe a que “a situación actual de alto risco de incendios que estamos a vivir en Galicia, e en particular no noso concello de Cuntis, é de extrema gravidade”.

Por iso, “consideramos que a nosa prioridade é a seguridade de todos e a protección do noso patrimonio natural”. Desde o consistorio comentan que entenden “que esta medida pode causar molestias, pero o risco de provocar un incendio é demasiado alto e non podemos poñer en perigo a seguridade dos nosos veciños e veciñas, as nosas vivendas e a nosa contorna natural”.

O certo é que a situación en Galicia é máis preocupante a cada hora que pasa. O de Chandrexa converteuse no peor incendio da historia de Galicia desde que hai rexistro tras xuntarse co de Vilariño. Para repasar a situación actual en Galicia, nas seguintes liñas poden ler a actualización da situación feita por Medio Rural cos datos recollidos ata ás 20.30 horas deste venres:

A CORUÑA

ACTIVOS

Activo Toques-San Martiño de Oleiros. Situación 2

Desde as 18.49 horas de onte xoves está activo un incendio no concello coruñés de Toques, parroquia de San Martiño de Oleiros. Neste lume, que segundo as últimas estimacións rolda as 200 hectáreas de superficie afectada, foi preciso declarar a Situación 2 esta madrugada, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Penagundín, no concello limítrofe de Melide. Para a extinción do incendio mobilizáronse de xeito acumulado, 2 técnicos, 12 axentes, 24 brigadas, 23 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións.

Activo Muxía-Nosa Señora da O

Está activo desde as 13.13 horas de hoxe un lume na localidade coruñesa de Muxía, parroquia de Nosa Señora da O, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas. Mobilizáronse de xeito acumulado para a súa extinción 3 axentes, 7 brigadas, 5 motobombas e 1 técnico. 

LUGO

CONTROLADOS

Controlado A Fonsagrada-Monteseiro

Permanece controlado desde as 14.42 horas do domingo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes día 5 e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 técnicos, 72 axentes, 97 brigadas, 101 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 8 avións. 

OURENSE

Permanece decretada a Situación 2 en toda a provincia, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME). 

ACTIVOS

Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos

O venres día 8 ás 12.51 horas iniciouse un incendio no concello de Chandrexa, parroquia de Requeixo. O martes día 12 empezou outro na parroquia de Parafita, neste mesmo municipio. Onte, xoves, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que permanecía estabilizado desde a noite do pasado luns e o cal se iniciou o domingo ás 17.30 horas

Os tres acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie total de 16.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 22 técnicos, 110 axentes, 139 brigadas, 82 motobombas, 12 pas, 13 unidades técnicas de apoio, 20 helicópteros e 17 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)

Ás 23.37 horas do domingo 10 iniciouse un incendio no concello de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro. O martes 12 ás 03.13 horas empezou outro na parroquia de Santiso, neste mesmo municipio. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 2.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 10 técnicos, 84 axentes, 126 brigadas, 77 motobombas, 11 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Oímbra-A Granxa

Permanece activo o incendio forestal do municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 10.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Laza e Verín. O lume iniciouse ás 14.39 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 15 técnicos, 45 axentes, 60 brigadas, 44 motobombas, 2 pas, 5 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 10 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo A Mezquita-A Esculqueira

Desde as 09.42 horas do martes está activo un incendio forestal que se iniciou no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 9.000 hectáreas. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 4 técnicos, 23 axentes, 24 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboran nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.

Activo Vilardevós-Vilar de Cervos

Está activo desde o mércores ás 18.09 horas un incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 10 axentes, 5 brigadas, 7 motobombas, 2 helicópteros e 2 avións.

Activo Vilardevós-Moialde 

Na tarde de onte xoves reactivouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 100 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 17 axentes, 29 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 7 avións. 

Activo Vilardevós-Fumaces e a Trepa

Activo desde as 17.41 horas de onte xoves un incendio forestal no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.

Activo Larouco-Seadur

Desde as 18.55 do mércores está activo un incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 1.500 hectáreas, parte delas nos concellos de Petín, Quiroga e A Rúa. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 9 técnicos, 28 axentes, 48 brigadas, 36 motobombas, 5 pas, 8 helicópteros e 2 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

ESTABILIZADOS

Estabilizado Montederramo-Paredes

Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións. 

Estabilizado Ourense-Seixalbo

Desde as 00.51 horas do mércores está estabilizado o incendio forestal iniciado ás 14.14 horas do martes na localidade de Ourense, parroquia de Seixalbo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 100 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 1 técnico, 17 axentes, 20 brigadas, 11 motobombas, 4 helicópteros e 4 avións.

CONTROLADOS

Controlado Verín-Mourazos

Esta controlado, desde as 01.01 horas do martes, o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas do luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.

PONTEVEDRA

ACTIVOS

Activo Agolada-O Sexo. Situación 2

Ás 13.26 horas de hoxe venres iniciouse un incendio forestal no concello de Agolada, parroquia do Sexo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 300 hectáreas. Neste lume decretouse a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Sexo. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 axentes, 2 brigadas, 3 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

ESTABILIZADOS

Estabilizado Dozón-O Castro

Desde as 21.47 horas do mércores está estabilizado o incendio forestal do municipio pontevedrés de Dozón, parroquia do Castro, que se iniciou o martes ás 14.32 horas e que afecta unha superficie estimada de 400 hectáreas. Neste lume decretouse a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Castro, unha situación que xa foi desactivada. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 4 técnicos, 4 técnicos, 15 axentes, 30 brigadas, 38 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 5 helicópteros e 4 avións. 

CONTROLADOS

Controlado A Estrada-Souto

Esta controlado desde as 12.10 horas do martes o incendio forestal do concello da Estrada, parroquia de Souto, que se iniciou o domingo ás 12.37 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción, mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 técnico, 19 axentes, 29 brigadas, 33 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicóptero e 3 avións.

CONFINAMENTOS, EVACUACIÓNS OU DESALOXOS

Mantéñense activas as medidas de protección á cidadanía a causa dos incendios forestais na provincia de Ourense, con varios pobos que foron confinados ao longo da tarde na provincia de Ourense.


Á Madanela (Monterrei), que está baixo confinamento desde o día de onte, sumouse o pobo de Carballal (Petín) e o de Roblido (A Rúa). Ademais, levouse a cabo a evacuación dunha residencia na Rúa e o confinamento doutra en Chandrexa de Queixa, tamén de maneira preventiva. 

Por outra parte, esta tarde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activou o ES-Alert debido á actividade dos incendios forestais que están a afectar á provincia de Ourense. Esta alerta foi emitida a modo preventivo e con indicacións para garantir a seguridade ante o avance dos lumes. Enviouse nos seguintes concellos: Oímbra, Cualedro, Monterrei, Laza, Verín, Vilardevós, Riós, A Mezquita, A Gudiña, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Veiga, O Bolo, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Parada de Sil, Castrocaldelas, A Teixeira, San Xoán de Río, Larouco, Petín, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, O Barco de Valdeorras, Vilamartín, Xinzo, Trasmiras, Baltar, Folgoso do Courel e Rubiá. Igualmente, debido á proximidade, a mensaxe puido ter chegado a móbiles que se atoparan en concellos limítrofes.

Imaxe de portada: incendio en Troáns, este mércores// Concello de Cuntis

Comentarios

Deixar un comentario