Suspenden a conta de Instagram do Estradense

Suspenden a conta de Instagram do Estradense

Ás veces as redes sociais deixan momentos curiosos (por non dicir difíciles de entender. Ou imposibles). Este martes produciuse un deles: denunciáronlle a conta de Instagram ao Estradense e esta rematou suspendida.

A conta tiña 3.419 seguidores e máis de 3.600 publicacións cos calendarios, partidos, goles e resultados de varias tempadas. Publicacións que xa non se poden ver. Horas de traballo que desapareceron e, tal e como aseguran desde o club, “sen saber moi ben o motivo”.

Dúas horas antes de crear unha nova conta (@cdestradense1925) xa informaban de que “estamos loitando coma quen fala cun robot con resaca… e creedeme, non é nada doado” e advertían que “se de repente desaparecemos, non é que nos désemos á vida monástica, é que Instagram puxo o cartel de ‘non pasan’”.

Actualmente, intentar atopar a antiga conta é case misión imposible. De feito, para nós atopar ese perfil para facerlle unha captura de pantalla coa que ilustrar esta nova tivemos que buscar as conversas que tivemos co club a través de Instagram. Ao acceder a el a imaxe que nos atopamos ilustra a situación: sen foto de perfil – curiosamente no chat si que nos chega a aparecer – e 3.603 publicacións que existen pero non aparecen, só aparece unha mensaxe que indica que “non hai publicacións”.

E tivemos que acceder a través das conversas porque nos buscadores da rede social non aparece. Só aparece a nova conta, á que podedes acceder clicando na súa única publicación no momento no que se redacta este artigo e que atoparedes debaixo destas liñas.

No caso da conta en Threads, que depende de Instagram, tamén se atopa suspendida e prodúcese unha situación semellante, aínda que, polo momento, o Estradense non creou unha conta nova.

Imaxe de portada: antigo perfil do Estradense // capturas de pantalla / Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario