Manuel Magariños, PP da Estrada
A Estrada é hoxe un concello de 20.273 veciños segundo o padrón municipal (dato de xullo do 2025), fronte aos 20.133 que recolle o INE a finais do 2024, vivindo nun concello que combina tradición e modernidade, vida rural e conexión global espallados en 469 lugares, somos o municipio con máis núcleos rurais de España, un territorio cunha identidade forte, construído polas mans e o esforzo de xeracións. O reto que afrontamos xa non é futuro, senón presente: manter poboación e garantir o relevo xeracional.
Hoxe, case o 30 % da nosa poboación ten máis de 65 anos, mentres só o 10,5 % son menores de 14. O saldo vexetativo segue a ser negativo con máis defuncións ca nacementos cada ano, Só o saldo migratorio positivo, xente que chega ou regresa, nos permite seguir por riba dos vinte mil habitantes. E iso obríganos a actuar con responsabilidade e con visión de futuro. Un estudo publicado en The Lancet alerta de que, en 2100, o 97 % dos países estarán por baixo da taxa de reposición. Na Estrada, esa realidade xa está aquí.
Manter a poboación por riba dos 20.000 habitantes é clave para garantir servicios, investimentos e oportunidades. Pero non se trata só de números. Queremos que quen viva en A Estrada o faga con proxecto, con vontade e con ilusión; que cada nova veciña ou veciño aporte, participe e forme parte dunha comunidade activa e viva.
O maior freo para acadar este obxectivo é a vivenda. Temos centos de casas baleiras ou abandonadas que, con investimento e vontade, poden volver ser fogares. Cada casa rehabilitada, cada luz que se acende, é un lugar que revive, un barrio que se enche de vida e unha oportunidade para que unha familia se asente. Por iso, dende o Concello puxemos en marcha un plan integral para mobilizar estas vivendas: un portal municipal que conecta propietarios e inquilinos, e estamos a traballar en medidas como bonificacións no IBI para alugueiros a prezos xustos e subvencións para a rehabilitación de vivendas baleiras e abandonadas. Recuperar unha vivenda non é só un acto económico: é reactivar o comercio, manter servizos, dar vida ás parroquias e frear o despoboamento.
Tamén as infraestruturas xogan un papel clave. A prolongación da autovía AG-59 achegaranos a Santiago, ao aeroporto e á estación de tren; o acceso aos portos de Marín e Vilagarcía reforza a necesidade da circunvalación para retirar a N-640 do centro e devolver ese espazo ás persoas. A ampliación do polígono de Toedo atraerá empresas, xerará emprego e asentará novas familias.
Queremos que quen naceu aquí poida quedar. Que quen marchou poida volver. E que quen busque un lugar no que vivir con tranquilidade, traballar e criar unha familia, atope na Estrada ese fogar. O noso futuro non se improvisa: constrúese crendo na vila, apostando por ela e facendo que cada vivenda, cada empresa e cada familia formen parte dun proxecto común: unha A Estrada con presente e con futuro.



Deixar un comentario