Os campamentos urbanos celebrarán unha festa de clausura

Os campamentos urbanos celebrarán unha festa de clausura

| Están convidados todos os nenos e nenas que asistiron a eles

Este venres, 6 de setembro, as instalacións do CEIP de Figueiroa acollerá a festa de clausura dos campamentos urbanos deste verán, aos que asistiron preto de 500 rapaces e rapazas ao longo de todo o verán, contando os que participaron nos do casco urbano e nos do rural. Todos eles están convidados.

Como vén sendo habitual, o centro acollerá aos nenos e nenas asistentes entre as 8.00 e as 15.00 horas. O inicio das actividades festivas está previsto para as 10.00 horas, cando haberá xogos tradicionais e populares, con aplicación de perspectiva de xénero. Estarán guiados polo equipo de Sonoras.

Entre as 12.00 e as 14.00 horas a compañía Bandullo Azul representará Historias dun mundo grande, obra na que a cadeliña Becki contará historias de colaboración e solidariedade vividas nas súas viaxes polo mundo, convidando aos asistentes a cantar e bailar para celebrar a fin do verán.

Estes campamentos celebráronse durante os meses de xullo e agosto e nas primeiras xornadas de setembro, contando coa firma estradense Coesco. Baixo o lema “Volta ao mundo nun verán”, os campistas descubriron, a través de xogos, dinámicas grupais e actividades creativas, outras culturas e países viaxando en cada quincena por un continente diferente.

As instalacións dos colexios de Figueiroa, Oca, O Foxo, Codeseda e Vea acollen estas actividades e, en total, atendéronse 490 solicitudes, sendo 285 en xullo, 160 en agosto e 43 nos primeiros días de setembro.

Comentarios

Deixar un comentario