|Na Estrada hai 1.844 vivendas baleiras, segundo Manuel Magariños | Aprobáronse os festivos locais | O Concello instalará marquesiñas nos institutos públicos
Este xoves o Concello da Estrada celebrou a súa sesión plenaria mensual, no que o principal asunto foi a moción presentada polo BNG con propostas para solventar a problemática da vivenda na Estrada.
En dita moción recollíase avanzar no desenvolvemento do PXOM, adaptar os requisitos para construír nos núcleos rurais e analizar a situación actual da vivenda na Estrada, ademais de varias propostas que servirían para mobilizar a vivenda desocupada na Estrada.
Luis López Bueno, voceiro do PSOE, sinalou que o parque de vivendas baleiras é meirande, cifrándoo en máis de 3.000 e representando o 30% da vivenda construída. Asemade, considerou un “fracaso” o novo portal de vivendas impulsado polo goberno.
Pola súa banda, Manuel Magariños, concelleiro de Reto Demográfico e Vivenda, coincidiu cos demais partidos na necesidade de atallar o problema da vivenda e incidiu en que “o goberno ten que facelo cos recursos que hai”.
Avanzou que ían rexeitar esta moción – quedando así denegada – e puxo o aceno nas medidas que xa se están levando a cabo, como poden ser as medidas fiscais que farán e as axudas á reforma. En relación ao portal de vivenda, non o considerou un fracaso pois, “as dúas vivendas que se incorporaron están alugadas” e salientou a necesidade de que os veciños publiquen as súas ofertas nel. Agora mesmo dito portal non ten ningunha vivenda dispoñible.
Ademais, indicou que o ORAL estálles facilitando as cifras de vivenda baleira no municipio. Na Estrada existen 11.600 vivendas censadas, das que 5306 están rexistradas en detalle e pertencen a 4.555 propietarios. Neste caso, 1.844 vivendas están baleiras e están vencelladas a 1.653 propietarios.
En relación ao PXOM, afirmou Magariños, “non está parado; está activo e dando froitos”. Comentou que permitiu a construción de 28 vivendas públicas e que se traballe nos desenvolvementos R01 e R02 da Avenida de América, posibilitando a construción de novas vivendas.
En relación coas medidas tomadas polo goberno, Xoán Reices, voceiro do BNG na Estrada, asegurou que “a todas luces non vai ser suficiente para nin tan sequera paliar a terrible situación actual”.
O nacionalista tamén puxo en dúbida as declaracións do alcalde, Gonzalo Louzao, que asegurou que o maior problema dos propietarios á hora de alugar é o medo ás ocupacións e aos desperfectos que se poidan producir. “Se esa é a maior preocupación con respecto á situación da vivenda… normal que as cousas soamente vaian a peor. Un día máis na oficina”, asegurou Reices.
O mandatario estradense tamén mencionou que, grazas ao PXOM, concedéronse máis de 500 licencias para a rehabilitación e construción de vivendas. Engadiu que, a prolongación da AG-59 e a ampliación do polígono de Toedo permitirán atraer poboación coa que afrontar o reto demográfico.
Festivos locais
O primeiro dos asuntos tratados no pleno foi a aprobación por unanimidade dos festivos locais. Serán o 17 de febreiro – martes de Entroido – e o 26 de xuño, día de San Paio. Esta elección fíxose tendo en conta que o 26 de xuño é venres e que o 24 dese mesmo mes, festivo autonómico. Esta proposta fora aprobada polo Consello Económico e Social.
Marquesiñas nos institutos e verteduras no matadoiro
O turno de rogos e preguntas permitiu abordar varias cuestións. Unha delas foi a petición da comunidade educativa de que se instalen novas marquesiñas a carón dos institutos Avelina Valladares, Antón Losada Diéguez e Manuel García Barros.
Amalia Goldar, concelleira de Educación, comentou que ten solicitados os orzamentos para responder a esta petición. Avanzou que, no caso do Avelina Valladares, substituiránse as actuais por unha de 6 metros e outras dúas máis pequenas. Isto trasladarállo, previsiblemente a vindeira semana, á ANPA do centro.

Desde o PSOE tamén preguntaron polas verteduras no matadoiro municipal, nas proximidades do punto limpo de Penerada (Ouzande). Óscar Durán, explicou que el mismo comprobou como se realizaban as tarefas de retirada de lixo. Como se produciron novos depósitos, o Concello da Estrada pedirálle aos axentes da Policía Local e da Garda Civil que incrementen a vixilancia, xunto con outras medidas nas que se atopa traballando o goberno municipal.


Deixar un comentario