Este mércores comezaron as obras do Museo Manuel Reimóndez Portela para avanzar cara a súa reapertura ao público, despois de estar máis dunha década pechado ao público.
Ata alí achegouse durante a mañá o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, para supervisar, xunto cos traballadores da firma Martínez e Neira, o inicio dos traballos.
Nestas primeiras xornadas as tarefas destinaránse á mellora do exterior do museo, aproveitando as boas condicións meteorolóxicas. No inicio das obras centráronse na fachada do edificio e no seu patio.
No exterior, o proxecto contempla a restauración das carpintarías de madeira mediante un decapado do verniz existente en mal estado, con posterior lixado, novo vernizado e selado. Pintaranse as reixas situadas tanto nas carpintarías como no peche da parcela e limparanse os muros de pedra do edificio e do peche da propiedade. Aproveitarase a obra para a retirada de sedimentos da zona empedrada a sementarase herba na área axardinada.
No interior, substituiráse o cadro eléctrico; lixaráse e empastaráse paramentos interiores deteriorados pola humidade; aplicaráse pintura plástica satinada e formaráse un falso teito de cartón xeso no despacho situado na planta alta.
Esta actuación conta cun investimento de 50.000 euros e calcúlase que rematará nun mes. Ao seu remate, construiráse o discurso expositivo, centrado na historia da Estrada, nas tradicións estradenses e na Estrada dos séculos XIX e XX.
Imaxe de portada: traballos no Reimóndez Portela // Concello da Estrada


Deixar un comentario