Entregou o dobre dos avais necesarios

O 20 de abril de 2024 José López Campos facía entrega da alcaldía a Gonzalo Louzao. Ano e medio despois, Louzao quere que esa imaxe se repita coa presidencia do PP local.
Este luns o actual alcalde da Estrada formalizou a presentación da súa candidatura coa entrega ao presidente da Comisión Organizadora do Congreso (COC), Juan Constenla, de máis do dobre dos avais necesarios.
Louzao agradeceu o apoio recibido polos afiliados e afiliadas durante a última semana. “Todo parece indicar que non haberá máis candidaturas”, augurou. Isto terá que confirmalo a COC este mércores.
“Espero que no Congreso do día 19 de outubro os afiliados validen a continuidade dun proxecto político moi beneficioso para A Estrada e dun equipo renovado e con gañas e ideas para seguir mellorando o noso concello”
Gonzalo Louzao, candidato a presidir o PP da Estrada
Representar “a sociedade estradense”
No caso de saír elixido, terá que conformar un equipo que, avanzou, será “o máis parecido posible á sociedade estradense”. “A executiva que espero conformar debe ser un espello da realidade social da Estrada, remarcou.
O resultado do Congreso que acollerá o Pavillón Manuel Coto Ferreiro o vindeiro domingo 19 de outubro marcará o rumbo que seguirá o Partido Popular estradense de cara as eleccións municipais de 2027.
Imaxe de portada: Louzao entrega os avais a Constenla // cedida

Deixar un comentario