O BNG critica que o goberno local tardase cinco anos en asfaltar a estrada do Souto de Vea: “só facía falta escoitar á veciñanza”

O BNG critica que o goberno local tardase cinco anos en asfaltar a estrada do Souto de Vea: “só facía falta escoitar á veciñanza”

Hai unhas semanas os veciños e veciñas do Souto de Vea vían como unha das súas principais reclamacións facíase realidade: as máquinas chegaban para reasfaltar unha estrada que levaba anos chea de fochas.

En xaneiro de 2020 o BNG levou por primeira vez este tema aos plenos do Concello. Reclamaban “non só unha nova capa de rodadura”, que xa precisaba polas “continuas filtracións de agua e fochancas, senón tamén o pitando dos carrís e as zonas de aparcadoiro público do vial”.

Desde a formación nacionalista denuncian que, pese a que os veciños tamén solicitaban esa mellora, “o goberno do PP limitouse desde entón a parchear as fochancas, que, como denunciamos en diversas ocasións, aos 6 meses xa estaban de novo destapadas, quedando outra vez un vial intransitábel”.

Esa situación rematou hai unhas semanas, cando a nova capa de rodadura chegou ata esta estrada que cruza o lugar e que “é tránsito habitual de moitos outros condutores e condutoras doutros concellos, que se dirixen a Santiago de Compostela”.

“Está claro que a cousa non era tan complicada, só facía falta escoitar á veciñanza, que o goberno despachou sempre con displicencia, até que a desfeita fíxose tan insoportábel que ao PP non lle quedou outra que arranxar o vial”, engaden os nacionalistas á par que critican que se colocara o cartel anunciando as obras varios meses antes de terse feito.

Lamentaron a demora dos populares á hora de atender a demanda, pois “Non é de recibo tardar máis de cinco anos en atender unha demanda tan evidente e necesaria. Nestas cousas é onde se demostra que hai un goberno que funciona, fronte a outro que vai de sobrado e traballa rotineiramente”.

Imaxe de portada: Estrada do Souto de Vea tras ser asfaltada // BNG

Comentarios

Deixar un comentario