O peor foi o 10 de agosto, cando se iniciaron os de Souto e Requián
A vaga de incendios que afectou a gran parte de España no mes de agosto tamén se deixou sentir na Estrada. Ao amparo da Lei de Transparencia, Praza.gal puido desvelar os case 450 incendios que afectaron a Galicia entre o 1 e o 18 de agosto.
A Estrada foi, xunto coas Pontes de García Rodríguez, Caldas de Reis e Forcarei, o sexto concello que máis incendios rexistrou
Algo que destaca nos totais de lumes forestais, é que A Estrada foi, xunto coas Pontes de García Rodríguez, Caldas de Reis e Forcarei, o sexto concello que máis incendios rexistrou (7).
Deles, o primeiro produciuse ás 14.45 horas do día 5 na parroquia de Frades. Deste incendio tívose coñecemento varios días máis tarde a través da prensa grazas a outro incendio que, segundo nos comentaba o campaneiro de Requián, orixinaríase no mesmo punto.
O de Souto foi o peor incendio forestal en todo o verán e, á vez, o peor desde o incendio de Sabucedo de 2018
O seguinte en iniciarse foi o peor incendio forestal en todo o verán e, á vez, o peor desde o incendio de Sabucedo de 2018 que queimara 77,89 hectáreas e perxudicara á Rapa das Bestas. Falamos do incendio de Souto, que se declarou ás 12.37 horas do día 10 e que chegou a ameazar as vivendas do lugar da Toxeira. O lume douse por estabilizado ás 22.10 horas da mesma xornada, pero non quedaría extinguido ata o 17. As lapas arrasaron 28,23 hectáreas, das que 15,53 eran de monte raso e 12,7 de arborado. As consecuencias do lume deixáronse sentir varios días, pois os sistemas de comunicación víronse afectados.

Esa mesma xornada, ás 18.07 horas, producíase outro en Requián (Frades). Este dábase por controlado ás 5.00 horas do día seguinte, tras arrasar 9,22 hectáreas. Este lume foi noticia porque permitiu que se escoitara o toque de arrebato, un toque de campás que se está perdendo. Tal e como nos comentou o campaneiro do lugar, este orixinouse no mesmo punto que o do día 5.
Dous días máis tarde, o 12 de agosto, iniciouse outro en Codeseda ás 7.15 horas, do que non trascenderon detalles. O 16 ás 20.33 horas producíase un novo incendio en Souto, moi preto da zona que xa ardera. Cando chegaron os servizos de emerxencia os veciños case o lograran sufocar.
Ás 17.50 horas do día seguinte comezaba outro en Oca moi preto da AP-53, do colexio da parroquia e dunha granxa, na que se centraron os labores de extinción.

O último dos incendios foi o que se orixinou en Fragoso (Vinseiro) ás 15.54 horas do día 18. A rápida actuación dos servizos de emerxencia permitiu que apenas tivese consecuencias.
Imaxe de portada: incendio de Souto // Concello da Estrada


Deixar un comentario