A Fervenza de Ouzande recuperará este domingo, 12 de outubro, a Ruta Doutono, que se inclúe dentro da súa programación de roteiros pola contorna ‘Imos andar. Andamos e falamos’.
Ás 9.30 horas sairán desde a Igrexa de Ouzande para ir ata Castrorramiro, na parroquia da Somoza, e regresar ao punto de partida en torno ás 13.00 horas. Serán 12 quilómetros de dificultade baixa nos que poderá participar de balde toda persoa que así o desexe, sexa ou non socia da asociación. Recoméndase levar roupa cómoda.
Ao longo do percorrido poderánse observar varios puntos de interese. Nas seguintes liñas poderán ler a guía que fan desde a propia asociación sobre estes puntos.
– No transcurso da ruta atravesaremos varias masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que cruzaremos no percorrido. Trátase dun dos percorridos da nosa contorna onde se conserva mellor a flora autóctona, de grande fermosura neste inicio de outono.
-Lugar de Castrorramiro. Fermoso lugar da parroquia da Somoza, que conserva numerosas costrucións tradicionais e a estrutura de pequeno núcleo rural con ruelas, eiras e fermosos recunchos.
-Pozo da Freixa ou Fírvida. Contorna con muíños e unha fervenza, ademais dun pozo de considarables dimensións para facer un descanso.
-Contorno de muíños da Fervenza de Ouzande.
Imaxe de portada: cartel da camiñata // A Fervenza de Ouzande


Deixar un comentario