López Bueno responde a Louzao: “o que debería facer é poñerse a traballar nun proxecto reformulado”

López Bueno responde a Louzao: “o que debería facer é poñerse a traballar nun proxecto reformulado”

Continúa o debate político pola variante da EP-7016, a estrada a Vinseiro. Este sábado o voceiro do PSOE estradense, Luis López Bueno, respondeu ás verbas pronunciadas este venres polo alcalde do concello, Gonzalo Louzao, sobre a EP-7016.

O socialista insistiu en que “o que debería facer un alcalde medio serio é poñerse a traballar nun proxecto reformulado que resolva os 3 fallos que ten o que presentaron. É a única cousa útil que pode facer neste momento, todo o demais non leva a ningures”.

López Bueno acusou a Louzao de estar “moi ocupado nos seus delirios de grandeza como para poñerse a traballar niso, pensa que está por enriba de calquera normativa”. Engadiu que sobreestimou ao mandatario porque “pensei que sería capaz de sacar isto adiante, pero que se pode esperar dun alcalde que non foi capaz de xestionar nin sequera a comida do maior?”.

“Ti podes consensuar a vontade para facer unha obra, pero o que non podes consensuar é o cumprimento da normativa. Parece mentira que lle haxa que dicir isto a alguén que ocupa unha alcaldía”

Luis López Bueno, PSOE da Estrada

“Se eu lle digo a Amalia Goldar que quero reformar a miña casa en San Miguel de Castro, dirame que moi ben e que estou no meu dereito, pero se despois aparezo alí cun proxecto de reforma para facer un rascacielos, terán que denegarmo porque incumpro todos os artigos do pxom”, exemplificou. “Eu creo que é moi fácil de entender, non fai falta ser premio nobel”, continuou.

O voceiro dos socialistas tachou de “perogrullada” que Louzao saque peito de que a Deputación financia a obra, tendo que facer o Concello as expropiacións.  “Estamos falando dunha estrada provincial, a carretera é deles, só faltaba que tiveramos que poñer nós os cartos”. Para exemplificar iso, retomou o caso de reformar a súa casa: “se eu quero reformar a miña casa, non ma vai pagar o veciño, non?”.

En canto ás acusacións de quitar a camiseta da Estrada, o líder da oposición dixo que  “a min paréceme ben que Gonzalo estea enfadado porque non lle deron unha reunión na que poder sacar unha foto, pero a min gústame levar a camiseta das cousas ben feitas, non a pegatina de incompetente que se empeña en levar Gonzalo Louzao”. 

Por último, reiterou a “man tendida” do PSOE estradense para “facer o que faga falta” para mellorar a seguridade viaria no entronque da EP-7016 coa N-640.

Imaxe de portada: metros iniciais da EP-7016 // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario