O punto limpo podería abrir polas tardes

O punto limpo podería abrir polas tardes

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, avanzou que van intentar que o punto limpo abra tamén polas tardes. Actualmente abre os xoves e os venres de 9.00 a 13.00 horas e os sábados de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas, rexistrando unha media de 100 usuarios por semana, achegándose a metade deles o sábado.

“Vemos que, sobre todo, faría falta amplialo en horario de tarde e estamos falando coa empresa adxudicataria da xestión para ver como organizalo”, sinalou o rexedor.

Este anuncio produciuse no marco da visita do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, ao punto limpo da Estrada, sito en Penerada (Ouzande), para anunciar unha achega de 93.000 euros que fará a administración autonómica a este centro. Acompañándoo estiveron Louzao e o edil de Servizos Municipais, Óscar Durán.

“É unha aposta da Xunta de Galicia para axudar aos concellos, que sabemos que teñen necesidades neste senso, e para loitar para que a xente se conciencie de que ten que empregar estas instalacións”, apuntou Reguera.

Cómpre lembrar que as instalacións estiveron pechadas no mes de marzo para adaptalas á nova normativa, aproveitando o cambio de empresa adxudicataria e modificándose o regulamento.

Imaxe de portada: Louzao, Reguera e Durán no Punto Limpo // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario