Berrar ou ter razón 

A política sérvese con educación ou non é política: é ruído.

Berrar ou ter razón 

Manuel Magariños · PP da Estrada

Dicían os vellos que para coñecer a cada quen non fai falta preguntarlle moito: basta escoitar como fala dos demais. Hai quen constrúe, e hai quen berra. Hai quen trae propostas, e hai quen trae problemas. Hai quen chega para sumar, e mesmo nos desacordos mantén a dignidade, e hai quen confunde o debate público cun campo de batalla persoal. Nada novo baixo o sol: a historia sempre nos amosa que hai xente que só se sente cómoda na política cando hai lama que remover. 

Pero A Estrada non é iso. Nin o merece. 

Fálase moito estes días da conexión da EP-7016 coa N-640, do acceso de Vinseiro e das parroquias que cada día xogan a súa seguridade nun entronque que non está á altura do que precisamos. Aquí hai un tema serio, de país pequeno e corazón grande: isto vai de protección, de evitar accidentes, de pensar nas persoas antes que nos discursos. E cando un proxecto tan necesario se atopa co bloqueo incomprensible dun Ministerio en Madrid, o lóxico sería vernos todos unidos defendendo A Estrada. Pero non. Sempre hai quen prefire facer oposición ao seu propio municipio antes que levantar a voz onde toca. 

Porque discrepar é lexítimo faltaría máis, pero degradar non. O que non é aceptable é facer da política un lugar hostil no que todo vale, mesmo a descualificación persoal como atallo para tapar a falta de ideas. A política hai que servila con argumentos. Coñecemos ben os discursos que veñen cargados de adxectivos pero baleiros de propostas. Fai falla pouca luz para ver que quen insulta é porque non ten un proxecto que contar. O insulto é a arma dos que chegan a unha mesa sen traer nada enriba dela. 

Todos nacemos berrando. É parte da natureza humana. Pero o progreso esíxenos aprender a falar, a escoitar e a respectar. Quen non supera esa etapa vital, quen necesita elevar o volume para suplir o que lle falta de razón, dificilmente pode aspirar a liderar nada. A política adulta vai doutra cousa: vai de serenidade, de constancia, de firmeza e de saber estar. Non é cuestión de pulmón: é cuestión de responsabilidade. 

Por iso é tan doado distinguir a quen está aquí pola foto de quen está polo futuro desta terra. Uns dedícanse a intentar atraer titulares. Outros traballan, teiman e avanzan. A Estrada sabe ben quen é quen. A uns escoitámolos berrar contra todo e contra todos; aos outros vémolos todos os días empurrando proxectos, falando con administracións, abrindo portas que outros pechan e defendendo

solucións reais para a xente. Non fai falta dicir nomes: os feitos sempre falan máis alto ca calquera discurso. 

Remato cunha certeza: o ton importa. E importa porque define a quen fala e marca o camiño de quen escoita. Importa porque a política non é só xestión, tamén é exemplo. Deixemos que outros xoguen ao barullo. Aquí algúns seguimos crendo na palabra dada, na educación, no diálogo firme e na lealdade coa xente que confiou en nós. E que ninguén o dubide: a dignidade non se discute. Practícase.

Comentarios

Deixar un comentario