López Bueno considera insuficientes as partidas orzamentarias destinadas á Estrada

López Bueno considera insuficientes as partidas orzamentarias destinadas á Estrada

| “A única crible é a destinada á AG-59”, asegurou | Bota en falta investimentos para a PO-213 e a PO-841

O voceiro do PSOE da Estrada, Luis López Bueno, fixo unha primeira valoración á proposta de orzamentos da Xunta de Galicia, considerándoa un “ninguneo” ao Concello da Estrada.

Comentou que a “única partida crible é a destinada á AG-59, á que saudamos por moito que chegue con 20 anos de atraso”. En canto ao resto de partidas que aparecen na proposta, cre que realmente “non hai nada máis para A Estrada”.

Para o socialista son insuficientes as propostas para a ampliación do polígono de Toedo e para a construción de vivenda pública, cifradas en 2,4 millóns e 640.000 euros, respectivamente. Engade que se incluíron “por encher a proposta. Son recursos que non dan nin sequera para comezar”.

López Bueno xustificou as súas verbas na “costume” da Xunta de incluír partidas semellantes nos orzamentos “pero que despois non executa”, como poden ser os polígonos industriais de Lalín, O Corgo, Sionlla, Arteixo ou Carballo que, “con dotacións económicas moito máis amplas, aínda non comezaron as ampliacións”.

En cifras

Tal e como asegurou este martes o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, para a ampliación do polígono de Toedo, a previsión é que se destine un total de 8.762.508 euros entre 2026, 2027 e 2028.

En canto á vivenda pública, o rexedor estradense avanzou que existe unha previsión de investimento de 4.290.830 euros.

Engadiu que hai “notorias ausencias”, como poden ser as prometidas melloras en seguridade viaria na PO-213 e na PO-841 ou a residencia pública que solicitaron todos os grupos políticos da Estrada nunha moción conxunta, cando si que se recolle a construción dunha no Concello de Ribeira.

“Expectación” pola valoración de Louzao

O socialista comentou que agarda “con moita expectación” a valoración desta proposta de orzamentos por parte Gonzalo Louzao e adiantou que lle gustaría “velo tan belixerante como con outras cuestións nas que el ten a responsabilidade”.

“Para defender os intereses dos veciños e veciñas da Estrada non vale armar un lío monumental por un proxecto teu que incumpre a normativa e despois ser absolutamente dócil coa Xunta en cousas que tratan de vontade política e orzamentaria, é unha cuestión de credibilidade”

Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada

Por último, avanzou que lle presentará ao Grupo Parlamentario Socialista enmendas para que aparezan os proxectos citados anteriormente e que se inclúan fondos para rematar as concentracións parcelarias Nigoi-Arca (na que os títulos están en rexistro), Codeseda e Val do Vea II, que lle afectan a 2.000 propietarios.

Imaxe de portada: zona urbanizable do Mercadona // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario