Hai unhas semanas unha veciña escribíanos lamentando que os pasos de peóns non estean correctamente adaptados para as persoas que están nunha cadeira de rodas.
“Eu tiven que estar unha tempada en cadeira de rodas”, contextualízanos ao comezar a conversa que mantemos na intersección da Avenida de América coa Rúa Bernardo Rodríguez Ribera (onde se atopa Correos). “Atopeime con accesos bastante complicados”, continúa antes de exemplificar co paso de peóns que temos ao noso carón e que, comenta, obriga a que teñan “que estar dando rodeos”.
Outros casos cos que se ten atopado con accesos que teñen unha “fochanca no fondo ou que a inclinación deixa moito que desexar”. Neses casos o que pasa é que as rodas dianteiras – máis pequenas que as traseiras – quedan atascadas, segundo nos di. Estas situacións, engade, danse en menor medida nos pasos de peóns máis céntricos.
Ademais dos dous pasos de peóns da intersección na que nos atopamos, pon os exemplos da entrada á Zona dos Viños desde a Rúa Peregrina, o da farmacia Eirín, outro da Avenida Benito Vigo á altura da pastelería Mimela e os das rúas Forcarei e Cerdedo.
Nos edificios tamén detecta problemas de accesibilidade. “Algúns teñen acceso ao ascensor” pero antes “teñen un escalón” e outros teñen rampla pero “é un pouco incómoda e hai que entrar de costas”.
“Ao final faiche pensar en quedar na casa, aínda que ás veces non che queda máis remedio que saír, sempre hai algunha cousa que facer, pero tes que ir sempre acompañado”, reflexiona.






Deixar un comentario