A Estrada Urban Race regresa o xoves 13

A Estrada Urban Race regresa o xoves 13

O vindeiro xoves, 13 de novembro, a Zona Deportiva acollerá a segunda edición da Carreira Barreiros eMotionFP A Estrada Urban Race, na que estudantes de FP de toda Galicia terán que dar o máximo número de voltas posibles a un circuito cos seus vehículos eléctricos de deseño e fabricación propia.

Na competición, que comezará ás 11.00 horas e terá unha duración dunha hora, participarán o CIFP A Xunqueira (Pontevedra), IES Antón Losada Diéguez (A Estrada), ⁠IES de Ordes, IES Vilalonga (Sanxenxo), IES María Sarmiento (Viveiro), IES O Ribeiro (Ribadavia) e o IES Castro da Uz (As Pontes), centro que gañou a carreira hai un ano ao conseguiu completar 72 voltas.

Resumo da I A Estrada Urban Race // Xornal da Estrada

Os prototipos, automóbiles monopraza de catro rodas con carrozarías lixeiras e aerodinámicas, son desenvolvidos desde cero por equipos multidisciplinares formados por alumnado da FP galega das especialidades de Automoción, Electricidade, Electrónica, Deseño, Administración ou Comunicación. Cada vehículo está propulsado por un motor eléctrico alimentado por unha batería estándar, elementos fixados pola organización para garantir a igualdade de condicións técnicas.

A proba estradense abrirá o calendario de competicións que, no mellor dos casos, pode levar aos rapaces e rapazas participantes, a competir a nivel nacional. Ademais, nesta edición poderáse seguir a carreira en directo por streaming.

Na presentación da proba participaron Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, Eugenia Pérez, directora xeral de FP, e María Jesús Carnero, directora do Centro Galego de Innovación Eduardo Barreiros.

Imaxe de portada: Presentación da Estrada Urban Race. De esquerda a dereita: Gonzalo Louzao, Eugenia Pérez e María Jesús Carnero // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario