O BNG pide explicacións polas obras en pistas forestais

O BNG pide explicacións polas obras en pistas forestais

O BNG da Estrada pediu explicacións no último pleno a tenor da denuncia feita por Verdegaia esta semana polos danos medioambientais provocadas polas obras de mellora de pistas forestais.

Os nacionalistas lembraron que o alcalde xustificou estas actuacións por seren “unha demanda veciñal” para previr incendios forestais, aínda que, aseguran, contradí a mensaxe de “vixilancia ambiental” ofrecida polos populares na moción contra Altri.

“Semella que o PP esqueceu a súa propia máxima de respecto ao patrimonio natural. Non se pode falar de defensa do medio ambiente e, ao tempo, destruír zonas húmidas que actúan como auténticos cortalumes naturais”, sinalan desde o grupo nacionalista en relación aos impactos nas brañas que denunciaron os ecoloxistas.

Do mesmo xeito, propuxeron unha axenda na loita contra os incendios baseada no control das plantacións de eucalipto, a mellora de estradas e accesos eliminando as fochancas existentes en parroquias como Liripio, coñecer cales son os efectos das obras de drenaxe feita, a defensa dos ecosistemas húmidos e a planificación intrgral dunha estratexia contra os incendios baseada nunha estratexia global, con diagnóstico técnico, planificación ambiental e participación cidadá.

“Que información ten o executivo local sobre estas actuacións? Pensan tomar algunha medida encamiñada a paralizar as obras que poidan estar danando o patrimonio natural do concello?”

Pregunta do BNG da Estrada ao PP

Imaxe de portada: Brañas afectadas // Verdegaia

Comentarios

Deixar un comentario