Este sábado ás 9.29 horas producíase un terremoto en Silleda moi próximo á fronteira con Prado (Lalín). De magnitude 3,3 e 5 quilómetros de profundidade, deixouse sentir en varios concellos dos arredores, incluído A Estrada, segundo informa o Instituto Xeográfico Nacional (IGN).
Outros concellos dos que teñen constancia que se sentiu son Agolada, Vila de Cruces, Teo, Touro, O Pino, Vedra e Arzúa, ademais dos de Lalín e Silleda. Nalgunhas zonas tivo unha intensidade III, segundo o organismo nacional.
Os datos do IGN ás 13.45 horas indican que en parroquias como Lagartóns, Ribeira ou Santeles sentiuse cunha intensidade II-III. No caso de telo percibido pódese completar o formulario que ten dispoñible o IGN para estes casos.
O 112 informou de que só se rexistrou unha chamada ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112). Foi dun particular que sentiu o tremor desde o concello da Estrada. Con todo, informan, non se rexistraron danos.
Imaxe de portada: mapa do terremoto. A estrela indica o epicentro, os diferentes marcadores onde se sentiu // IGN

Deixar un comentario