A Estrada gañou 134 habitantes ata finais de outubro

A Estrada gañou 134 habitantes ata finais de outubro

O 31 de outubro había 20.273 censados, cifra que non se alcanzaba desde 2021

A Estrada tiña o 31 de outubro 134 habituantes máis que o 1 de xaneiro, acadando a cifra de 20.273 habitantes. Iso é o que reflicten os datos provisonais feitos públicos este luns polo concelleiro de Reto Demográfico, Manuel Magariños. Estes datos, que son oficiosos ata que a finais de ano o INE pida os datos ao Concello e estableza os datos oficiais, devolven “ao municipio ás cotas de poboación do ano 2021, consolidando a tendencia á estabilidade demográfica despois de anos de retroceso”, asegurou Magariños.

A dispersión é unha das principais características do territorio, habendo un cento de lugares con menos de dez veciños, apuntou o concelleiro. “Pequenas aldeas”, dixo en referencia a estes núcleos de poboación, “que manteñen a esencia da nosa identidade e, ao tempo, obrigan a planificar con sensibilidade os servizos e as infraestruturas”.

Poboación: 20.273 hab.
Superficie: 280,55km2
Densidade de poboación: 72,26 hab/km2

Fontes: Concello da Estrada, IDEPO

O casco urbano encabeza o crecemento

A parroquia máis poboada é a de San Paio da Estrada, que tería 9.893 habitantes, segundo informou Manuel Magariños. Deles, o casco urbano tería 8.674 residentes, seguido de Figueiroa de Arriba (1.062), Figueiroa de Abaixo (91), Vilar (63) e O Pedregal (30).

Con estes datos na man e comparándoos cos ofrecidos polo INE da poboación a 1 de xaneiro, a parroquia de San Paio da Estrada gañaría 156 residentes censados. Por lugares, o casco urbano tería 207 habitantes máis, Figueiroa de Arriba perdería 19, Figueiroa de Abaixo restaría 5, Vilar subiría 5 e O Pedregal perdería outros 5.

Guimarei e Berres gañarían poboación

Fóra da área urbana, a parroquia con máis veciños empadroados é Guimarei, que tería 392 veciños. Seguiríana Berres (387) e Santeles (360). Outras parroquias que superarían os 300 habitantes son Arnois, Codeseda e Ouzande.

Neste caso, Guimarei gañaría 3 habitantes respecto aos datos ofrecidos polo INE do 1 de xaneiro, Berres tería 2 reidentes máis e Santeles perdería 12.

“No fondo, cada parroquia conta unha historia distinta: unhas medran, outras resisten, todas forman parte do que somos”, reflexionou Magariños e subliñou que o rural estradense “é hoxe un espazo de vida, de produción e de creación”.

“No noso rural medran froitos vermellos, mazás das que xorde un produto exquisito que celebramos cada primeiro sábado de xuño coa Feira da Sidra; trabállase a madeira e tamén o ferro; mantéñense oficios como a ourivaría e multiplícanse as pequenas granxas e cooperativas que producen ovos, verduras ou mel. Son persoas que, co seu esforzo e talento, xeran traballo, dinamizan as aldeas e garanten o asentamento de poboación”, apuntou o concelleiro de Reto Demográfico.

Tras isto sinalou que, pese a non ter grandes cifras de poboación, existen parroquias que representan ese “espírito de rural estradense”, como pode ser Sabucedo con 36 habitantes — que gañaría 6 veciños en relación aos censados a principios de ano — e que se converteu “nun símbolo internacional coa Rapa das Bestas”. Do mesmo xeito, non quixo esquecer o ánimo emprendedor doutras, como Ribeira, Santo Tomé de Ancorados ou Berres, entre outras.

Imaxe de portada: Magariños na entrega dunha baby box // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario