López Bueno pide un “calendario de investimentos” nas rúas e parroquias

López Bueno pide un “calendario de investimentos” nas rúas e parroquias

O voceiro do PSOE da Estrada, Luis López Bueno, suxeriu este mércores que o goberno municipal elabore un “calendario de investimentos” nas rúas e parroquias da Estrada para evitar “reanunciar proxectos que xa estaban orzamentados e que foron incapaces de executar”, algo que exemplifica coa carballeira de Melania.

O socialista ve no anuncio da inclusión deste céntrico espazo nos orzamentos de 2026 “unha mostra máis do pouco nivel do actual goberno” que “seguro que anunciou a reserva de orzamento como un gran éxito. Falta un Concelleiro e xa nin sabían que no Orzamento de 2024 xa estaban os recursos consignados”, asegurou. Engadiu que a xestión do goberno local é “máis propia do Bar Suízo que de calquera Concello”.

Solicitou que se dean a coñecer os investimentos en cada rúa e parroquia para que “os veciños e veciñas teñan claro cando lles toca”, algo que farían de estar eles no goberno, asegura.

López Bueno valorou que “a reforma da Farola por 1,3 millóns de euros está moi ben, e se esta vez son capaces de executar, o proxecto da Carballeira de Melania tamén”. Ademais, advertiu de que “o goberno local máis caro da historia da Estrada, que lle subiu o IBI un 25% a todos os contribuíntes, ten que devolver os cartos en forma de inversión e servizos en todas as rúas do casco urbano. Non pode ser que todas as inversións vaian unicamente a 4 rúas”.

“Hai rúas na vila que están exactamente igual que en 1980, non pasou por alí nin unha brigada de obras a repoñer as beirarrúas”, opinou e engadiu que “non necesita moitos comentarios” para falar da situación do rural, pero si que solicitou información sobre os Fondos Europeos que se van destinar a el. “Hai 6 millóns concedidos por europa para as parroquias pero aquí ninguén sabe que se vai facer, nin onde se vai facer, nin cando se vai facer”, comentou.

Do mesmo xeito, lembrou que hai medidas, como o aparcadoiro para camións “que o PSOE incluímos no Plan de Mobilidade Urbana e que continúa metido nun caixón 5 anos despois”.

Comentarios

Deixar un comentario