A Banda Cultural homenaxeará a Ramón Campos no concerto de Santa Icía

A Banda Cultural homenaxeará a Ramón Campos no concerto de Santa Icía

As bandas de música Municipal e Cultural da Estrada están preparando os seus respectivos concertos de Santa Icía, incluídos na programación de outono EstradaEscena. A Banda Municipal celebraráo o vindeiro sábado 22, ás 20.00 horas (os convites xa se poden adquirir no Concello da Estrada), e a Cultural faráo o sábado seguinte ás 21.00 horas.

A Banda de Música Cultural da Estrada aproveitará a ocasión para render homenaxe ao que foi alcalde da Estrada entre 1992 e 2007. Falecido no 2019, ningunha persoa ocupou durante máis tempo ca el o cargo dende a chegada da democracia.

Concerto en dúas partes

O concerto de Santa Icía da Cultural da Estrada dividiráse en dúas partes ben diferenciadas e que estarán separadas por un breve receso de cinco minutos. Na primeira parte dirixirá Saúl Liñares, integrante da banda e director en Oviedo. No repertorio desta parte inclúense o pasodobre “O Carrizo” (dirixido polo compositor José Pérez), “Indiana Jones”, “Camino Universo”, “We don’t talk about Bruno” e “Radioactive”.

A segunda parte, xa baixo a batuta do director da banda, Ricardo Oliver, a peza “La Misión” servirá para homenaxear a Ramón Campos Durán. Despois, continuarán con “Italian Holiday” e “Pasadoble Agüero”.

Sobre o escenario estarán máis de 30 músicos, con idades comprendidas entre os 12 e os 70 anos. Xulia Rial, integrante da banda de 12 anos, exercerá de presentadora.

Imaxe de portada: Banda Cultural da Estrada // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario