Trátase da súa segunda visita en dous anos, a primeira como alcalde
Gonzalo Louzao achegouse ata Bos Aires para celebrar o 82º aniversario do Centro A Estrada en Bos Aires. Atópase acompañado do concelleiro Óscar Durán e doutros representantes pontevedreses, como o presidente da Deputación, Luis López, ou o deputado e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.
Na celebración, foi recibido coa música dos gaiteiros do Centro Galicia en Bos Aires e compartiu almorzo con 200 persoas. Alí, o rexedor lembrou que é a segunda ocasión na que visita o centro en dous anos, a primeira como alcalde.
“O noso é un territorio extenso: temos 288 quilómetros cadrados de superficie e somos o municipio con máis núcleos de poboación de España. Sempre se di que a nosa estrutura municipal está sustentada por 51 parroquias. Pero non é de todo certo, porque eu hoxe visito a parroquia 52”
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, no aniversario do Centro A Estrada en Bos Aires

Asemade, felicitou ao presidente do centro estradense en Bos Aires, José Manuel Basteiro, que este ano recolleu o Salmón de Ouro e que vén de ser nomeado presidente da Federación de Sociedades Españolas na Arxentina.
A festa de aniversario contou coas actuacións do coro Airiños da nosa terra e co corpo de baile Bruxos e Meigas.
A viaxe comezou na noite do pasado sábado e rematará o martes. A axenda inclúe a visita ao Centro Galego de Bos Aires, o Centro Galicia, o Museo da Emigración Galega e unha xuntaza coa colectividade emigrante de Lalín, Silleda e Agolada.
Imaxe de portada: 82º aniversario do Centro A Estrada en Bos Aires // Concello da Estrada


Deixar un comentario