Presentadora, actriz, divulgadora e poeta. Esta sería a forma breve de resumir os máis de 30 anos de carreira de Neves Rodríguez, quen se incorpora á programación diaria de Radio Estrada.
O vindeiro luns, coincidindo co inicio do mes de decembro, estreará É de mañá, o matinal que se emitirá de 11.00 a 13.00 horas de luns a venres. Neste espazo contará con múltiples seccións, que abranguerán temas como consumo, humor, banda deseñada, o galego ou historias de cidadáns anónimos, amais dalgunhas seccións que herdará do Salta da Cama.
Este programa suporá o seu regreso á radio local, pois os seus inicios foron en Radio Tui. Foi presentadora do Luar (TVG) e de Desde Galicia para el Mundo (TVE), participou en ficcións como Rías Baixas, Pazo de familia ou Serramoura, presidiu a Asociación de Acotres e Actrices de Galicia e publicou o libro de poesía Cuspindo miserias (2004, Editorial Galaxia).
Cambios de programación
Con esta estrea produciránse cambios na programación de Radio Estrada. O Salta da Cama de Pablo “Chichas” perderá media hora do seu horario actual, quedando de 8.00 a 11.00 horas. Seguiráo o É de mañá de Neves Rodríguez que, ás 13.00 horas, cederá o testigo a Damián Cortés co Actualidade Mediodía.
O popular espazo O Mercadiño pasará a emitirse ás 15.00 horas. Ás 16.00 horas continúa a programación o Ensaiar é de covardes de Isa Durán.
Xa en xaneiro, cando teñen previsto incorporar un novo locutor ou locutora, haberá un novo espazo de 18.00 a 21.00 horas, momento no que se emitirá a redifusión do informativo. Desde ás 22.00 horas poderánse escoitar en antea os podcast da emisora.
Nova programación de Radio Estrada
8.00h // Salta da Cama
11.00h // É de mañá
13.00h // Actualidade mediodía
15.00h // O mercadiño
16.00h // Ensaiar é de covardes
18.00h // Espazo que se estreará en xaneiro
21.00h // Actualidade mediodía (redifusión)
22.00h // Podcast
Imaxe de portada: Neves Rodríguez // cedida


Deixar un comentario