Xoán Reices · BNG
Botar balóns fóra. Nada máis contemporáneo. Niso se converteu a política institucional de hoxe en día. É certo, anque non debemos esquecernos da manipulación dos medios de comunicación e das redes sociais. Si, debemos dar por feito que TODO o que se nos di nos medios é mentira, si. Pero unha cousa non quita a outra. Vémolo na política estatal, e lamentablemente chegou ata a política local. Non é extraño como os partidos maioritarios se boten a culpa uns aos outros por todo. Cando gobernan Xan, a culpa é culpa de Pericán e cando goberna Pericán… quen se acorda?! E… home, levan gobernando os dous partidos maioritarios durante 44 anos. Ninguén ten a culpa, aínda así!
E claro, imos pasando de liorta en liorta, sen sequera ser conscientes do que pasa. Si, por desgraza, chegou a todos os niveis. Contaxiáronos tanto que pensamos que isto é a política de verdade. E non o é.
A política é debater respectuosa e sinceramente ata co maior adversario. Ata con quen desprezas. Ata con quen odias.
A política non é seguir as ordes do partido. A política non é poñer a cara polo Marqués de Calquera Lado.
A política é -ou debe ser- poñer a cara. Traballar máis, sufrir máis, e cobrar menos que os demais.
Quen está disposto a isto? Quen se sube o soldo cada vez que ten oportunidade? Quen pensa que os cargos políticos deberían ser máis privilexiados que os demais? Quen leva case 50 anos ríndose de nós?
Creo que iso é o primeiro que debemos pensar.
Porque queremos (ou admiramos) alguén que teña unhas capacidades dialécticas da hostia inversa. Non será mellor alguén que estea disposto a sacrificar parte da súa vida polos demais? Para iso, iso si, hai que coñecer á xente, hai que interesarse. Hai que protestar e sacrificar o noso privilexio. TODOS E TODAS.
Ou iso, ou seguimos deixándoos botar balóns fóra.
Nós temos o poder. Exerzámolo.



Deixar un comentario