O temporal non impediu que A Estrada acendese o seu Nadal máis solidario

O temporal non impediu que A Estrada acendese o seu Nadal máis solidario

Paraugas nas papeleiras, chuvias intensas e auga que corría polas beirarrúas e estradas. Este era o panorama pouco alentador co que se atopou o acendido do alumeado de Nadal da Estrada. Aínda así, o acto de encendido conseguiu facerse, pero máis reducido.

A Rúa Calvo Sotelo ás 17.45 horas // Xornal da Estrada

A casualidade quixo que o momento no que comezaba o acto de acendido fose no que máis auga caía. Os soportais do Concello acolleron unha pequena postal de Nadal que serviu de escenario para o acendido e o público que quixo asistir a este evento.

Alí, catro rapaces de Asanog — de menor a maior, Aurora, Paula, Suso e Catalina — acompañados por Laura Vázquez, psicóloga da asociación, e polo alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, presentaron a actividade de apoio que realiza Asanog e premeron o botón que dou inicio ao Nadal na Estrada. Con eles tamén estivo Álex, o rapaz que foi o encargado de acender o alumeado en 2024.

Debido ao mal tempo non saíu o séquito a rombos polo Nadal e a Banda Escola tampouco fixo soar as panxoliñas na praza. O que si que se mantivo foi a chocolatada solidaria, que permitiu a moitos dos asistentes facer a súa pequena aportación para apoiar a esta asociación. Ademais, Louzao anunciou que o Concello tamén fará un donativo debido a que, por circunstancias evidentes, a participación non foi a agardada.

A programación de Nadal recolle varios actos nos que se poderá colaborar a diferentes causas. O 12 de decembro celebraráse un festival solidario con Asanog no Teatro Principal, o 14 de decembro será o Papá Noel Solidario da Fundación Andrea e a San Silveira BTT e a San Silvestre recollerán alimentos.

Comentarios

Deixar un comentario