Darlle Bolo
Recordo que, cando creamos Darlle Bolo, o fixemos coa idea de reunir a artistas da Estrada porque estamos convencidos de que aqui temos unha gran canteira. Organizamos algunha jam sessions, espectáculos no Riala e ata unha sesión DJ nun castro para darnos a coñecer. Mais non logramos un dos resultados que considerabamos importantes: conectar coa xente nova. E así atopámonos cunha gran incógnita que pensabamos ter dominada…
como podemos atraer ás novas xeracións?
Nós temos claro que a xuventude está moi ligada á arte. Agora máis que nunca imos aconcertos, vemos milleiros de películas, enganchámonos a series e non paramos de escoitar música e podcasts. Podería parecer que esta cascada de arte é unha inspiración para nós, pero moitas veces ocorre o contrario: abrúmanos. Rematamos consumindo de forma pasiva sen tan sequera plantexarnos a idea de que tamén nós poderíamos estar facendo iso. Temos medo ao fracaso, ás risas alleas e ao que o noso entorno poida chegar a opinar.
Por isto, o que cremos que fai falta na Estrada son espazos onde sentirnos arroupados, onde poidamos experimentar, errar e aprender. Unha única asociación, que ademáis ten un local nunha situación moi precaria, non responde á diversidade da xente nova, pese ao que se poida pensar dende unha óptica adulta.
Tamén necesitamos que sexa sinxelo dar a coñecer as nosas iniciativas locais. Temos grandes altavoces na Estrada que nos axudarían; pero, se pensamos en adolescentes, necesitamos estar onde pasan a gran parte do seu tempo: o instituto. Se non nos deixan colgar un cartel, dar unha charla ou enviar información dun evento a través dalgunha canle escolar, non estamos educando na importancia da cultural local. E, polo tanto, non estamos apoiando a que esa xente nova queira ter un papel activo na sociedade.
Se o pobo quere ternos facendo vida na Estrada, terá que apoiar as nosas iniciativas e non tachalas de cousas menores. Precisamos respaldo e estabilidade. E cando falamos de apoio, non falamos só de institucións, tamén se trata dun cambio social. Non podemos seguir escoitando o de que se estás nun grupo de teatro, música ou danza estás “perdendo o tempo”, “iso non che vai servir para o futuro”, “céntrate nos estudos”. A arte apórtanos disciplina, ferramentas sociais e autonomía persoal, esas cousas que din os adultos que nos fan faltan á xuventude.
Dende Darlle Bolo, somos defensores de que a arte é un gran motor do cambio social. E sí, como xente nova, tamén debemos lembranos da nosa responsabilidade. Debemos ir aos eventos que nos dan de balde, a ver ás nosas compañeiras que saen ao escenario, a quen organiza o cine do pobo e a aqueles que van tocar nun bar. Temos que apoiar o que xera a nosa comunidade.
En conclusión, cremos que no pobo temos a capacidade de crear un sistema cultural que fará medrar o noso benestar común, pero necesitaremos sempre apoio e visibilidade. Nós, dende Darlle Bolo, seguiremos apostando por crear e crecer aquí.
Imaxe de portada: logo de Darlle Bolo // cedida




Deixar un comentario