Os clásicos do motor e as antigüidades cítanse na Estrada

Os clásicos do motor e as antigüidades cítanse na Estrada

Aprobouse o calendario feiral de 2026

Este xoves foi presentada a dobre cita feiral desta fin de semana. Por unha banda, a 71ª Feira de Antigüidades e Artesanía, pola outra, o 12º Salón do Vehículo Clásico. Os encargados de presentala foron Manuel Magariños, actual responsable do Recinto Feiral Estradense, e Óscar Durán, concelleiro de Industria e Promoción Económica.

Foi Durán o primeiro en tomar a palabra, quen subliñou a importancia de manter en carteleira eventos deste tipo e convidou aos visitantes a secundar a mostra e a gozar do comercio, do turismo e da gastronomía local.

Pola súa banda, Manuel Magariños estreábase como responsable do Recinto Feiral despois de que Gonzalo Louzao delegase nel todas as súas funcións dentro do padroado da Fundación de Exposicións e Congresos o pasado mércores.

Magariños na reunión do padroado // Concello da Estrada

Magariños quixo resaltar a gran novidade deste dobre certame feiral, que é a presenza dun espazo destinado aos xoguetes de colección, con presenza de expositores especializados en Playmobil, Lego e artigos de costumización de personaxes e escenarios. Engadiu que se logrou a plena ocupación dos tres pavillóns e que será un espazo no que creatividade, colección, imaxinación e artesanía uniránse para atraer a familias e a coleccionistas que buscan pezas únicas ou series descatalogadas.

O recinto estará aberto de 11.00 a 20.00 horas de xeito ininterrompido, tanto sábado coma domingo. Exporáse unha gran variedade de pezas, recambios, accesorios de vehículos, antigüidades, artesanía e vehículos de incalculable valor. Asemade, contaráse con coleccións privadas de vehículos clásicos e históricos.

O domingo, coincidindo co final da mostra, entregaránse os diplomas acreditativos aos participantes na exposición de clásicos e sortearase dúas cestas de Nadal entre os visitantes.

Reunión do padroado da Fundación de Exposicións e Congresos // Concello da Estrada

Calendario de 2026

Na reunión mantida polo padroado o pasado mércores, ademais da delegación de funcións de Louzao en Magariños, aprobouse o orzamento de 2026 e o calendario feiral do vindeiro exercicio. Arrancará en marzo coa 14ª Feira de Oportunidades do Comercio (días 13, 14 e 15 dese mes) e continuará co 10º Salón do Vehículo de Ocasión (abril), a 4ª Feira Multisectorial ExpoEstrada (23 e 24 de maio) e a 38ª Feira do Moble de Galicia (do 17 ao 20 de setembro), xunto con tres edicións da Feira de Antigüidades e o 12º Salón Motor Classic do mes de decembro.

Imaxe de portada: presentación da dobre cita feiral // cedida

Comentarios

Deixar un comentario