As obras rematarían antes da Rapa das Bestas
O Concello da Estrada avanzou este martes a súa previsión de que as obras do albergue de Sabucedo se contraten en xaneiro, unha vez rematado o proceso de licitación que está en marcha. Deste xeito, informou Gonzalo Louzao, a reforma estaría rematada antes do mes de xullo, cando se celebra a Rapa das Bestas.
O prazo para presentar ofertas remata ás 19.00 horas desta xornada de Noiteboa, polo que de resolverse a adxudicación seguindo as previsións, as empresas terían marxe suficiente para realizar os traballos, pois o prazo de execución das obras é de tres meses.
Para esta reforma empregaranse fondos do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra Norte. O orzamento ronda os 67.000 euros.
Tal e como anunciou o mandatario na última edición desta Festa de Interese Turístico Internacional, a intención é entregarlle o albergue á asociación Rapa das Bestas “nas mellores condicións posibles”. Defendeu que eles son os que mellor coñcecen e poden aproveitar o potencial turístico de Sabucedo.
O proxecto
O proxecto ten previsto actuar sobre a envolvente do inmoble, que presenta importantes filtracións e humidades; unha adecuación dos acabados interiores e instalar placas solares para mellorar a eficiencia enerxética.
Entrando máis polo miúdo na descrición das obras previstas, haberá traballos tanto no exterior como no interior do albergue. No tocante ás actuacións exteriores, na zona onde a fachada é de cantería procederase á apertura das xuntas con radial, con lavado enérxico da fachada, rexuntado con morteiro e hidrofugado dos paramentos. Na zona onde a fachada é de morteiro, farase un lavado enérxico, reparación de fisuras e desconchados e aplicación dunha pintura impermeabilizante.
Procederase tamén ao selado nas zonas de carpintaría exterior e tamén ao lavado da cuberta, incluídas canles e baixantes ge retellado, substituíndo pezas rotas e desconchadas. Na cuberta inferior, impermeabilización do encontro entre o faldón e a fachada (posterior), que está a pasar auga para a aula da carballeira. Inclúese de igual xeito a dotación dun desaugadoiro para o foso do ascensor.
No interior, a actuación inclúe un repicado dos revestimentos estragados pola humidade e aplicación de novos nos que non son recuperables. Haberá tamén un lixado e saneado dos paramentos e teitos interiores que presentan desconchados e humidades, así como unha actuación de pintado.

Deixar un comentario