O ruído e os paxariños preñados

O ruído e os paxariños preñados

Sindo Villamayor · BNG

O mesmo que hai quen cre en que os paxariños preñan, algún concelleiro da Estrada acredita que todos as organizacións políticas temos as mesmas posiblidades de gobernar, e se alguna, o BNG por exemplo, non o conquire é por que a sociedade galega non quere a Galiza que propoñemos os nacionalistas.

E os paxariños preñados.

Respectado concelleiro, fagamos memoria collidos da man e miremos de reollo. A orixe da súa organización (Alianza Popular) é unha formación creada en 1976 por sete exministros da ditadura franquista, encabezados por Manuel Fraga Iribarne. Non foi un partido nacido da oposición democrática ao réxime, senón un proxecto de reconversión política das elites franquistas durante a Transición, que aceptaron o sistema electoral sen romper co pasado nin condenar a ditadura. A refundación non supuxo unha ruptura fundacional, senón unha adaptación estratéxica que mantivo estruturas, liderados e cultura política. Herdou o PP non só cadros políticos, senón filias do aparato xudicial, do exército e da Igrexa católica franquista. E naturalmente o capital que o Opus tiña colocado na economía da época a través dos plans de recuperación; capital que finanaciou campañas e campañas da dereita.

(Que infame escoitar nun pleno municipal ao seu xefe que o da relación do fundador da súa organización coa dictadura obedece a un argumento de infantilismo político)

Non me vou poñer intenso nin con ánimo de ofensa, pero respectado compañeiro, recomendarícha ler “Fariña”, a conexión probada do tráfico ilegal coa financiación da túa organización. Busca, caro concelleiro, nas redes estes nomes: Terito e Nené (Nené alcalde de Ribadumia e valedor durante moitos años del Rafael Louzán; Ramón Longa Vidal (Chito), Pablo Vioque, Luís Jueguen Vilas, José Manuel Vilas; o exalcalde de O Grove, Alfredo Bea Gondar, encarcerado pola súa presunta relación con un alixo de cocaína e sentenciado por un delito de branqueo de diñero procedente do narcotráfico en 2005. O da condena ao seu partido por organización criminal no polo caso Gurtel paso, porque aínda o terá fresco na súa memoria. Por certo, se coñece algún caso semellante ou de corrupción no BNG, xa sabe a onde ir.

Velaí a igualdade de condicións e oportunidades de todas as organizacións nesta adorada democracia.

O nacionalismo galego recolle a tradición do galeguismo de preguerra, nomeadamente do Castelao nacionalista, e o seu alicerce radica nos principios republicanos, soberanistas, feministas e pacifismo de esquerdas.

Que vostedes toman decisión pensando nos veciños da Estrada e non obedecen directrices externas? Igual pensa que un chúpase o dedo. Mire, seguro que nunca me pedirá un consello, pero se por mala sorte o fai diríalle que garde as costas de compañeiros do seu grupo municipal, a menos que vostede careza de plena capacidade auditiva na orella dereira e non se entere do da trécola esa de que non reciben ordes de Santiago ou de Génova.

En fin, non se pode tocar a campá e oír a misa a un tempo. Non poden reclamar autoridade moral non só co panorama que veño de lembrarlle. Que pureza, que grao de autenticidade ten a defensa da lingua galega se votan nas Cortes ou en Bruxelas contra o seu uso? Como pode ser verdade que reividiquen o legado de Daniel Castelao e manteñan rueiros cos nomes de homes que non dubidarín en pegarlle un tiro senón o collera en Madrid o golpe militar?

E todo isto élle un murmurio ao seu oído para que non me diga que berro cando nunca berro; dígollo coa cabeza baixa pola humildade que me castiga desde cativo; dígollo con presa, a presa dun traballador que fai 10 horas diarías e seis días á semana. Iso claro que tamén é traballar pola Estrada.

Comentarios

Deixar un comentario