A distribución de tarxetas para abrilos comezará nas últimas semanas de xaneiro
O Concello da Estrada anunciou este mércores que será finalmente en febreiro cando se colocarán de forma paulatina a totalidade de contedores marróns restantes. Serán, en total, medio cento de puntos de depósito de restos orgánicos os que se sumarán aos 10 xa colocados en decembro.
Nas últimas semanas deste mes de xaneiro comezarán a repartir as tarxetas que permiten abrir este colectores, para o que haberá un formulario específico. Asemade, desde o vindeiro mércores recuperaránse os puntos informativos, nos que se ofrecerá aos interesados os kits de benvida, formados por un cubo aireado, un pack de bolsas compostables e un folleto informativo.

En canto á frecuencia de recollida, será os martes e xoves, aínda que se poderían ampliar a máis días segundo se vaia incrementando o seu uso.
Os dez colocados na actualidade, aínda que foron pensados para os grandes produtores de residuos orgánicos, tamén poden ser utilizados pola cidadanía en xeral, sempre e cando teñan a tarxeta que permite abrilos.
Composteiros
Noutra orde das cousas, aínda que sen saír dos residuos orgánicos, tras a parada motivada pola época de Nadal, retomouse a distribución dos 500 composteiros asignados a vivendas do rural.
Imaxe de portada: visita institucional ao punto informativo // Concello da Estrada / Arquivo

Deixar un comentario