A Estrada fixo acopio de sal para esparexer na rede viaria

A Estrada fixo acopio de sal para esparexer na rede viaria

O peor prevese para esta tarde e noite, especialmente en parroquias como A Somoza, Arca, Souto, Codeseda, Sabucedo, Liripio e Olives

Este venres e sábado vivirase unha situación pouco habitual no concello, coa cota de neve chegando a baixar por momentos aos 400 metros, especialmente durante a tarde e a noite. Por iso, segundo vén de anunciar o Concello, nos últimos días fixeron acopio de sal e maquinaria para actuar na rede viaria, especialmente das zonas máis altas do municipio.

Os traballadores de Obras serán os encargados de botar a importante cantidade de sal que se adquiriu pola rede viaria municipal, en colaboración con Emerxencias A Estrada.

Dirixentes municipais e traballadores asumiron que o peor darase nas parroquias situadas por encima dos 450 metros. É dicir, parroquias do sur como A Somoza, Arca, Souto, Codeseda, Sabucedo ou Liripio e do leste como Olives serían onde máis problemas na circulación se poden producir.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, pediu que, se algún veciño observa placas de xeo, chame a Emerxencias A Estrada para facilitar a información. “Temos unha rede de case 2.000 quilómetros de vías de titularidade municipal. Aínda que nos preparamos para afrontar esta situación pouco habitual no noso territorio e difícil chegar a todos os lados, por iso pedimos a comprensión e colaboración dos veciños”, apuntou Louzao.

Suspensión das clases e da actividade deportiva

Outras das medidas adoptadas polo Concello, tendo en conta as directrices da Xunta de Galicia, foron o peche da Escola Infantil Municipal e das instalacións deportivas municipais.

Imaxe de portada: Óscar Durán e Gonzalo Louzao co persoal de Obras, este venres // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario