O MOME acolleu a presentación de <<De nais a fillas>>
Este xoves o MOME acolleu a presentación do libro De nais a fillas. Receitas para non esquecer, unha obra que nace coa vocación de salvagardar o legado culinario transmitido entre xeracións.
No acto estiveron presentes a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, e o Secretario Xeral da Lingua, Valentín García, quen destacou que a gastronomía é un “elemento identitario cultural que forma parte do patrimonio inmaterial de Galicia que cómpre conservar e difundir”. Asemade, fixo fincapé na importancia histórica das mulleres, as “verdadeiras gardiás e creadoras” deste saber.
No acto tamén participaron unha das autoras, Mari Carmen Rodríguez, e a editoria Laura Rodríguez Herrera. Amais, o evento estivo amenizado por Manoele de Felisa. As promotoras do proxecto agradeceron a “marabillosa acollida” feita pola Estrada.
Imaxe de portada: presentación de De nais a fillas // cedida

Deixar un comentario