Dende outubro de 2016 non se activaba un aviso vermello por chuvia en 12 horas. Unha situación expcepcional que provocou a caída de varias árbores, ademais de anegamentos e que os ríos estean ao límite da súa capacidade.
Este martes continuáronse a producir incidencias — A Estrada é o terceiro concello da provincia con máis incidencias no que vai de temporal (40), só por detrás de Vigo (80) e Pontevedra (41) –, froito da mestura dos importantes acumulados de auga en moi pouco tempo, os fortes refachos de vento posteriores e o regreso á normalidade que o ES-ALERT enviado o domingo e o aviso vermello do luns truncaran.
Un regreso á normalidade que se viu marcado por varios accidentes e o regreso da neve ao concello tras un descenso da cota.
Sucesión de accidentes
Algúns dos sucesos máis destacables das últimas horas pasan polos dous accidentes que se produciron no Concello. Por unha banda, no Souto de Vea un turismo sufría ás 15.15 horas unha saída de vía mentres circulaba pola PO-841 e rematou nunha cuneta que levaba bastante auga por mor das chuvias. Case dúas horas antes, sobre as 13.25 horas, outro turismo sufría unha saída de vía cando circulaba pola AP-53 en dirección Santiago porque se lle saíu unha roda. Os ocupantes resultaron feridos leves.
Ademais, ás 15.26 horas en Caldas de Reis, dous vehículos chocaron contra os laterais da AP-9 debido a que esvararon pola sarabia. Nesa mesma vía, case á mesma hora, produciuse un accidente múltiple en Portas no que se viron implicados 13 vehículos. Un dos implicados fixo aquaplaning, batendo contra outro coche que estaba adiantando un camión. Tras isto, fóronse sucedendo os choques.
Ás 20.20 horas do luns foi necesario rescatar un home que se viu sorprendido pola auga en Briallos, Portas, mentres atravesaba un camiño.
Por outra banda, ardeu un coche nun garaxe en Ouzande.
Ríos ao límite

Os regatos e ríos levan dúas xornadas ao límite da súa capacidade ou desbordados. O luns o río Gallo chegaba aos 2 metros de altura, unha altura da que estivo cerca ata as 2.00 horas deste martes, momento no que comezou a descender. Durante a noite tamén se desbordou o Umia en Caldas, inundando parte da vila.
En canto ao Ulla, marcou o seu máximo ás 10.30 horas, cando chegou aos 6,7 metros de altura. A súa situación é menos preocupantes, pois no nivel regúlase dende o encoro, aínda que dende Emerxencias A Estrada chegaron a mencionar a posibilidade de que se desborde no caso de seguir producíndose chuvias moi intensas e que sexa necesario pechar ao tráfico a ponte de Pontevea, algo que coas previsións actuais non é probable.
En Moreira a auga si que pasou por encima da ponte sobre o río Liñares, na contorna da praia fluvial.
Anegamentos en vivendas
Alén das vivendas que foi necesario desaloxar en Cuntis polas enchentes, a borrasca Joseph provocou anegamaentos en vivendas de Couso e Lagartóns. Asemade, foi necesario retirar numerosas árbores caídas e actuar nun desprendemento de fachada na Rúa San Paio e na caída dun muro en Olives. Emerxencias A Estrada tamén se tivo que desprazar a Matalobos por mor dun poste de telefonía e a Nigoi por uns cables caídos.
Dende Emerxencias Cuntis falaron dunha “noite moi complicada” coa caída de árbores e tellados que se viron afectados polo vento. Foi necesario retirar unha árbore sobre a N-640 en Covas.
Importantes cantidades de chuvia
As estacións de MeteoGalicia en Forcarei e no Monte Xesteiras rexistraron o luns 155,8 e 123,3mm, respectivamente. No caso da da AEMET na Estrada, foi de 132,2mm, sendo a terceira estación da axencia estatal con maior acumulado.
Nevaradas
Noutra orde das cousas, este martes produciuse un descenso na cota de neve que permitiu ver folerpas no concello. Este mércores poderíanse producir nas primeiras horas do día.
Avisos por vento para xoves
A chegada dunha nova borrasca levará consigo ventos fortes na xornada do xoves. Por iso, a AEMET activou un aviso amarelo por refachos de 70km/h entre as 12.00 e as 21.00 horas desa xornada. As principais precipitacións produciránse o venres, aínda que sen os acumulados de Joseph.
Imaxe de portada: bolsa de auga en Liripio, este luns // Xornal da Estrada

Deixar un comentario