19 anos conectando A Estrada

19 anos conectando A Estrada

O 30 de xaneiro de 2007 unha iniciativa novidosa copaba titulares. Ese día nacía AEstradaDixital, unha iniciativa municipal para rematar coa fenda dixital entre o casco urbano e o rural. 19 anos despois, a Cidade Dixital estradense ve como logrou expandir as súas fronteiras e servizos.

Nas súas orixes foi unha experiencia única a nivel nacional e ofertaba un mega simétrico (de subida e baixada). Naquel entón xa se poñía sobre a mesa que AEstradaDixital tiña autorización da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) para converterse en operadora, paso que daría en 2021, momento no que comezou a ofertar fibra, servizo que vería ampliado máis tarde coa telefonía.

O xerente da operadora municipal, Diego Pernas, ofreceu datos sobre o número de clientes que teñen. En concreto, contan con 520 usuarios dos seus servizos de internet, sendo 480 particulares e 40 empresas. A día de hoxe segue cumprindo un papel moi importante á hora de conectar as zonas do rural, onde as empresas privadas moitas veces non ofertan servizo de internet. Mostra diso é que máis do 70% dos seus clientes son do ámbito rural.

Centro de Procesamento de Datos (CPD) da Cidade Dixital // Concello da Estrada

En canto á fibra óptica, contan con 600 contratos, aos que se vencellan unhas 2.200 liñas vivas (a elas vincúlanse distintas liñas de telefonía e outros produtos). Medio milleiro dos contratos correspóndense a particulares, mentras que un 15% a empresas.

Ademais da Estrada, benefícianse dos seus servizos residentes en Vilanova de Arousa, Santiago, Brión, Arteixo, Vigo Cambados ou Sanxenxo, chegando a cidades nacionais como San Sebastián, Madrid, Cádiz, Barcelona ou Bilbao.

Diego Pernas apuntou que “temos unha clientela fiel” e que cada ano incrementan o número de usuarios un 15%. “Nós priorizamos o servizo ao prezo. Temos un prezo definitivo e só chamamos aos clientes se podemos darlle un mellor servizo polo mesmo prezo. Non temos campañas para que a xente veña; o que queremos é que os nosos clientes queden”, sinalou

Recoñeceu que algúns dos nodos cos que contan non son rendibles. “No caso de que se avaríen fai falta tempo para rendibilizar o investimento”, recoñeceu Pernas, para logo engadir: “AEstradaDixital prioriza as persoas sobre a rendibilidade”.

Imaxe de portada: parte dos empregados de AEstradaDixital no exterior da sede // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario