O vindeiro 3 de febreiro comezará unha folga indefinida en todas as liñas de autobús que presten servizo na provincia da Coruña, exceptuando aos autobuses urbanos da cidade herculina, que contan con convenio propio. Isto provocará afectacións á liña entre A Estrada e Santiago, que podería verse interrompida de novo.
Iso débese a que non se inclúe nos servizos mínimos, que se poden consultar en bus.gal. Repetiríase así a situación vivida nos meses de decembro e xaneiro, cando os paros puntuais fixeron que non se prestaden moitas das liñas. A diferenza reside en que, a partir de luns, os paros realizaranse todos os días de forma indefinida.
Pola contra, a liña que une Pontecesures coa Estrada si que se tería que realizar por ser un servizo escolar.
Do mesmo xeito, en Santiago de Compostela os urbanos contarán con servizos mínimos. Novamente, dependerá da existencia de piquetes que estes se cheguen a cumprir.
Imaxe de portada: autobuses na Estrada // Xornal da Estrada

Deixar un comentario