A vivenda na Estrada: “un bo momento” con máis demanda ca oferta

A vivenda na Estrada: “un bo momento” con máis demanda ca oferta

O IGE fixo públicas hai algo máis dunha semana as cifras de poboación a 1 de xullo de 2025. Estas deixaban á Estrada con 20.019 habitantes, unha cifra moi próxima á barreira dos 20.000 residentes que, de baixar dela, implicaría a perda de moitos servizos.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, nunhas declaracións a La Voz de Galicia, aludiu ás dificultades de acceso á vivenda como unha das posibles causantes do retroceso poboacional. O certo é que os diferentes partidos con representación nos plenos do Concello presentaron nos últimos tempos diferentes propostas para paliar, dentro das capacidades dun concello, esta situación.

Segundo os Indicadores Urbanos do INE, en 2024 de 11.842 vivendas, 8.005 eran fogares. Aínda que posiblemente sexan máis interesantes os datos de vivenda baleira: en 2021 había 3.962 vivendas baleiras dun total de 12.476. Iso é un 32% do total.

Segundo o INE, en 2021 había 3.962 vivendas baleiras, segundo o ORAL, en 2025 había 1.844

Sen embargo, se nos fixamos nos datos que revelou o concelleiro encargado de Vivenda, Manuel Magariños, e que saen dos datos do ORAL, en 2025 serían 1.844 de 11.600. O ORAL aporta os datos de vivenda baleira a través do rexistro de inmobles nos que non figuran os consumos necesarios, polo que coincidiría co que trasladou unha das inmobiliarias consultadas por Xornal da Estrada sobre que algunha desas vivendas desocupadas poderían ser edificacións que teñen un uso esporádico.

Dende outra das inmobiliarias engaden que hai vivendas que poderían estar no mercado do aluguer mais non o están por dous motivos, principalmente: as malas experiencias con inquilinos anteriores — por danos que provocaron na vivenda, especialmente nenos e mascotas, e que fan que non vexan rendible ter que renovar o mobiliario para ter outros residentes — e o medo a unha posible ocupación, especialmente pola falta de garantías que terían os propietarios para recuperar o inmoble.

Prezos

O alugueiro sufriu un importante incremento nos últimos anos. En 2018 situábase nos 252 euros mensuais, mentras que en 2023 xa estaba nos 310 euros ao mes, segundo os datos do INE. Isto é un incremento do 23% ou, o que é o mesmo, de media cada estradense pagou 58 euros máis ao mes ca cinco anos antes. Iso si, este incremento produciuse despois de varios anos de estancamento e, principalmente, foi no 2019.

As inmobiliarias ás que consultamos coinciden nos prezos actuais. Un contrato novo de alugueiro sitúase, de media, entre os 400 e os 450 euros. O mínimo establéceno nos 350 euros e o máximo, entre os 500 e os 600 euros.

O prezo do alugueiro depende de diferentes factores, tales como a antigüidade do inmoble, o número de habitacións e os diferentes servizos dos que consta, tales como ascensor ou praza de garaxe.

En canto á venda de pisos, en 2024 o prezo medio das diferentes vendas foi de 81.215 euros. As diferentes inmobiliarias situan o mínimo na actualidade entre os 80.000 e os 90.000 euros, aínda que pode haber algún piso en 45.000 euros, todo dependendo das cualidades do inmoble, mentras que o máximo situaríase nos 180.000 euros.

Máis demanda ca oferta

Conversamos con varias inmobiliarias sobre a situación actual. “Hai moitísima demanda”, resume Gloria Campos, de Prieto Gestión, quen explica que esa demanda é tanto de galegos que se achegan a vivir á vila coma de estranxeiros, “e o que hai é pouca oferta”. Iso, comenta, está provocando un incremento dos prezos. De feito, algunha das inmobiliarias leva meses sen ter pisos en aluguer.

“Hai moitísima demanda e pouca oferta”

“É un momento bo para a vivenda na Estrada

“Eu creo que é un momento bo para a vivenda na Estrada”, asegura Álex García, de Habita Servicios. “É un momento bo no sentido de que hai demanda. Parece que se recuperou de toda esa época de crise” na que se abastecía da vivenda de segunda man, segundo di.

“A demanda que había abastecíase co mercado de segunda man e agora pode ser que sexa un momento no que hai escaseza de vivenda. Agora precisaríase construír novas vivendas ou que entrase máis vivenda no mercado de segunda man”, explica.

“É un momento bo para quen vende, é un momento bo para quen compra porque, de momento, os prezos aínda son contidos”, engadiu. Gloria Campos sinala que “hai moita demanda de venda. É un momento no que se tivesemos máis vivendas venderiámolas”.

E é que, segundo di Gloria Campos, contan con clientes doutros concellos, como pode ser Santiago que “está intentando mercar aquí, incluso como inversión”.

Noutra das inmobiliarias que consultamos recoñecen que existe máis oferta para casas que para pisos, con prezos que van de 140.000 a 220.000 euros, aínda que se é necesario rehabilitalas o importe de venda baixa dos 100.000 euros.

“Pouco a pouco seguramente o mercado vaia un pouquiño á alza pero, de momento, os prezos aínda son contidos e é unha vila que, para a categoría que temos de vila, son uns prezos razoables”, asume Álex García, chegando a vaticinar que os prezos de inmobles de nova construción van ser superiores polos custos do material.

“A Estrada é unha vila que, para a categoría que ten, son uns prezos razoables”

Que facer?

Cada vez máis familias teñen maiores dificultades para asumir os gastos que conleva unha vivenda. Tendo en conta o visto ao longo destes parágrafos, cómpre preguntarse como se pode facilitar o acceso á vivenda, especialmente daqueles que teñen menos recursos económicos. Ademais, outra pregunta que nos podemos facer é sobre como reducir o número de vivendas baleiras.

Esas son as preguntas que lle realizamos aos diferentes partidos con representación nos plenos do Concello. As súas respostas coñecerémolas este sábado 7 ás 19.00 horas nunha nova entrega do A Estrada a Debate, que se publicará na canle de YouTube do Xornal da Estrada.

Imaxe de portada: vivendas na Estrada // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario