‘Viaxamos’ polo interior da app detallando as súas características
Tras meses de traballo chegou o momento: o Concello da Estrada presentou este martes a súa nova aplicación, chamada a reunir os principais servizos que ofrecen, ademais de manter informados aos cidadáns coa información oficial.
Polo momento só se pode descargar en Android, á espera de que Apple aprobe a creación dunha conta para así poder subir a app á Apple Store. É dicir, polo momento nos iPhone non se pode descargar.
Tal e como se recolle na Play Store, a súa publicación foi en decembro, aínda que ata estes días estiveron ultimando os detalles ata presentala oficialmente.
Na súa elaboración colaboraron ALIA Technologies, AEstradaDixital e o propio Concello. Aínda que nun primeiro momento estaba orientada prinicipalmente ao apartado cultural, engadíronselle seccións como deportes, desenvolvemento local e emerxencias e avisos. Ademais, conta cunha sección de novas.
Esta app nútrese dos contidos da web e no futuro contémplase ampliar os apartados cos que conta.
Unha viaxe pola app
Cando abrimos esta aplicación por primeira vez pregúntanos se queremos recibir notificacións. Estas, segundo detallou o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Manuel Magariños, serán para avisar de cortes e incidencias que se poidan producir.

Na sección de inicio atopámonos con diferentes apartados: os de cultura, deportes, desenvolvemento local e emerxencias e avisos atopámolos nuns cadrados, cada un dunha cor diferente. Debaixo, atópanse un acceso á axenda e outro ás novas, ademais dun acceso directo á web de turismo.
O apartado de cultura posiblemente sexa o máis completo. O primeiro que vemos ao acceder a el son os accesos a subapartados de actualidade cultural, á axenda, ás festas parroquiais, á carteleira de cine, á biblioteca municipal e ao conservatorio (estes dous últimos pertencen á web do Concello).

Pero o máis chamativo é o de “Aporta o teu evento”. Alí os particulares poden engadir eventos á axenda cultural e deportiva. Tras cubrir o formulario, será revisado e moderado polo departamento de Cultura.
Outra das seccións que conta con subapartados é a de Desenvolvemento Local. Alí poderase atopar información relevante para a xuventude, a promoción económica ou as asociacións.
Na parte inferior da pantalla aparece en todo momento o menú. Desde el pódese acceder ao inicio, que é o que vimos de desenglosar, á sección de novas ou á axenda. Conta cun apartado de “máis” dende o que se pode escoitar Radio Estrada, acceder ás diferentes formas de contacto co Concello e a unha sección de axustes na que, polo de agora, só se poden desactivar as notificacións.
Alí tamén se poden ver as noticias que marcamos como “favoritas”.
Como se marca unha noticia como favorita?
Se queremos marcar unha noticia como favorita, o que servirá para tela máis accesible dentro da aplicación, teremos que acceder a esa noticia de tal xeito que a vexamos completa.
No recadro verde da parte superior atoparemos tres puntos. Se pulsamos neles abrirásenos un menú coas opcións de “compartir” e de “engadir a favoritos”. Pulsamos nesta última e, así, poderemos acceder a ela en calquera momento desde o apartado de Máis.
En resumo,
Para marcar como favorito
- Accede a unha noticia
- Pulsa nos tres puntos (parte superior dereita)
- Pulsa en “Engadir a favoritos”

Para retirar de favoritos teremos que repetir este proceso, aínda que no terceiro paso pulsaremos en “Eliminar de favoritos”.
Para acceder aos favoritos
- No menú inferior pulsamos en “Máis”.
- Pulsamos en “Favoritos”
Imaxe de portada: presentación da app // Concello da Estrada

Deixar un comentario