O temporal provoca anegamentos en Cuntis e tira unha árbore na contorna do CEIP do Foxo

O temporal provoca anegamentos en Cuntis e tira unha árbore na contorna do CEIP do Foxo

O Ulla rebordou en Ponte Ledesma

A borrasca Leonardo, que no momento de redacción desta noticia ten a todo o interior de Pontevedra en aviso laranxa por chuvia, provocou a caída dunha árbore na contorna do CEIP do Foxo que impediu o acceso dos autobuses para recoller os rapaces, ademais do acceso a unha vivenda na que hai unha persoa dependente, segundo informou Radio Estrada.

Ademais, ao longo da mañá atenderon a caída dunha árbore en Tabeirós e un poste en Santo Tomé de Ancorados que ameazaba con caer.

En Cuntis unha importante treboada deixou, en cuestión de cinco minutos, importantes acumulados de auga, con anegamentos na Rúa Bernardo Sagasta. As pluviais non deron abondo e producíronse problemas na circulación. O pedrazo chegou a ter 2 centímetros de diámetro.

En canto á situación dos ríos, o Ulla rebordou en Ponte Ledesma. Pasadas as 15.30 horas o seu nivel xa rozaba os seis metros ao seu paso por Pontevea, acadando o seu nivel máis alto dende o paso da borrasca Joseph. O mesmo acontece co seu caudal, que xa chegou aos 422m3/s. En Cuntis o Gallo mantense no nivel dos días anteriores.

Imaxe de portada: imaxe de arquivo de anegamentos en Bernardo Sagasta// cedida

Comentarios

Deixar un comentario