A Estrada esixirá responsabilidades ás madeireiras por danos en vías públicas

A Estrada esixirá responsabilidades ás madeireiras por danos en vías públicas

O Concello da Estrada anunciou que vai reforzar o control dos traballos de corta e sacas de madeira ante os reiterados danos que se están a producir na rede viaria municipal como consecuencia deste tipo de actividades. Indicaron que se vai aplicar a ordenanza municipal vixente “de forma estrita”.

Ademais, lembraron a obrigatoriedade de que as empresas madeireiras realicen unha comunicación previa, ademais de presentar o seguro correspondente ou un aval bancario en favor do Concello para responder ante posibles danos.

Non é nada novo neste concello, onde xa en abril de 2025 a administración local lanzou un aviso por unha situación semellante, chegando a impedir aos equipos de extinción o paso por un camiño en Frades mentres se estaba a producir un incendio forestal por mor do mal estado que se atopaba a pista.

O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, recoñeceu que está a detectar “constantemente” estragos en camiños como consecuencia das actividades madeireiras. Asegura que desta volta a intención é ir “máis aló” porque os permisos necesarios “xa eran unha esixencia de sempre”.

Os permisos

Para realizar actividades de corta é obrigatorio realizar unha comunicación previa, tal e como se recolle na ordenanza municipal, independentemente da categorización de solo. Non ten custo económico pero é obrigatorio para as empresas encargadas destas actividades.

Asemade, para realizar o transporte de madeira é necesario solicitar unha autorización, co propósito de gatantir a conservación da rede viaria municipal. É un proceso obrigatorio e gratuíto.

Do mesmo xeito, as madeireiras teñen que contar cun seguro de responsabilidade civil ao que poder dirixirse no caso de producirse accidentes laborais ou danos nas vías públicas.

De non presentalo no momento de efectuar a comunicación previa, o Concello esixirá o depósito dunha fianza en metálico ou dun aval bancario. Terá que ser efectuada xunto coa comunicación previa, establecéndose as seguintes contías:

Volume de cortaContía
Inferior a 300 metros cúbicos500€
Entre 300 e 1.000 metros cúbicos1.500€
Entre 1.000 e 3.000 metros cúbicos4.000€
Superior a 3.000 metros cúbicos6.000€

A ordenanza municipal tamén recolle outras obrigas para as empresas que realicen as sacas de madeiras. Terán que limpar os residuos da corta de madeira, de xeito que as pistas, camiños e espazos públicos queden no estado de limpeza e conservación que tiñan antes das súas operacións. De igual xeito, están obrigadas a sinalizar as vías situadas nas zonas de extracción e deposito de madeira. En terceiro lugar, deberán derrubar ou repor ao estado anterior as ramplas abertas para facilitar o acceso ao terreo ou monte, de xeito que, cando chova, a auga e a terra arrastradas non inunden e causen danos en vías municipais ou parcelas estremeiras.

A Policía Local implicarase nestas tarefas de vixiancia. En función da gravidade do caso, as sancións van dos 100 aos 6.000 euros. “Faranse partes de incidencia, identificarase ao propietario da finca e pediranse as correspondentes autorizacións á empresa que efectuou o traballo para, a partir de aí, esixir responsabilidades”, concluíu Durán.

Imaxe de portada: danos en vías municipais // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario