Coma unha familia de estradenses máis Virxinia Pereira, Castelao e o seu fillo Alfonso Xesús estarán representados nunha escultura paseando. Será de bronce e a tamaño real. Tanto dende o Concello coma dende a Secretaría de Lingua mantiveron varios encontros co que será o autor, o ourensán Acisclo Novo.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, comentou que vai ser a única escultura “coa familia completa”. “Con esta escultura, A Estrada úneos aos tres nun lugar que para eles foi importante e que, ademais, hoxe en día leva o nome de Praza de Galicia”, explicou lembrando que tanto Virxinia coma Alfonso Xesús foron soterrados na Estrada mentras que Castelao está no Panteón de Galegos Ilustres.
O mandatario apenas ofreceu detalles de como vai ser a escultura máis alá de que se van respectar os 1,90 metros que medía Castelao — algo que dá mostra da envergadura que terá –, e que será esculpida en bronce polo ourensán Asciclo Novo. Do mesmo xeito, indicou que se colocará despois de rematar as obras de peonalización na Farola.
A iso súmaselle o dobre valor simbólico da colocación, pois na que a día de hoxe se coñece oficialmente como Praza de Galicia atopábanse a igrexa na que casaron coma o Casino no que celebraron as nupcias e que foi presidido polo pai de Virxinia Pereira. Ademais, alí atopábase a fonte que menciona Castelao na súa carta aos estradenses.
O segundo motivo é o nome da praza, que consideran axeitado tendo en conta a loita nacionalista de Castelao e de Virxinia Pereira.
A Secretaría de Lingua, pertencente á consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, colaborará económicamente.
Imaxe de portada Reunión co escultor // Concello da Estrada

Deixar un comentario