Un desprendemento de terra deixa a cinco veciños de San Miguel de Castro incomunicados

Un desprendemento de terra deixa a cinco veciños de San Miguel de Castro incomunicados

Levou por diante infraestrutura eléctrica, quedando media parroquia sen luz

Un corremento de terras en San Miguel de Castro deixou a media parroquia sen luz e ao lugar de Adoufe incomunicado. Produciuse pasadas as nove da mañá, segundo comentan veciños da parroquia a este medio.

O desprendemento produciuse nun monte próximo á igrexa da parroquia, na zona correspondente ao rebaixe da canteira de San Miguel de Castro, levando por diante o transformador, que se atopaba a 50 metros do cemiterio da parroquia, ademais de medio quilómetro de liña de alta tensión.

O cableado caeu sobre o camiño que serve de acceso ao lugar de Adoufe, que quedou incomunicado tras pecharse ao tráfico. Nese lugar viven 5 persoas.

Dende o primeiro momento traballadores de Elecnor desprazáronse á zona para restablecer a subministración eléctrica, colocando novas torres para a instalación do cableado.

Segundo informa un veciño a este medio, intentouse acondicionar un camiño que permita acceder a Adoufe dende o castelo de Cira, único acceso exceptuando o camiño afectado polo corremento. Debido á chuvia deste sábado non deron rematado o traballo, polo que continuarán ao longo desta semana para que os veciños do lugar poidan entrar e saír con normalidade.

Nestes momentos Adoufe continuaría sen subministración eléctrica, mentras que o resto da parroquia recuperouna en torno ás 17.00 horas grazas a instalación de grupos electróxenos.

Vista en 3D da zona do desprendemento // Imaxe: Google Earth / Edición: Xornal da Estrada

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, desprazouse ata o punto para coñecer de preto as consecuencias e o alcance do suceso, valorando os efectos sobre a rede viaria que, segundo o Concello limitaríanse ao cableado sobre o camiño, aínda que veciños trasladan a este medio que apareceron fendas nel.

Dende o Concello trasladan que van permanecer vixiantes por se se produciran novos corrementos ante a adversa situación meteorolóxica.

Escoitáronse explosións

José Manuel, veciño da parroquia, comentou a este medio de que cando se foi a luz escoitou “dúas ou tres explosións”. Segundo informa, a liña de alta tensión caeu dende o cemiterio, onde a infraestrutura se atoparía en mal estado.

Engadiu que se sabía que “había unhas gretas no chan”, na zona na que se produciu e que está próxima á canteira da parroquia.

Imaxe de portada: zona na que se produciu o desprendemento // Gráfico: Xornal da Estrada / Mapa: Google Maps

Comentarios

Deixar un comentario