Construirán un muro de contención para evitar novos desprendementos próximos ao camiño de Adoufe

Construirán un muro de contención para evitar novos desprendementos próximos ao camiño de Adoufe

Na tarde deste martes o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, a alcaldesa de barrio de San Miguel de Castro, Isabel González, representantes de Erimsa e o xeólogo que vai estudar a estabilidade do terreo reuníronse para adoptar medidas tras o desprendemento ocorrido este sábado.

Alí tomouse a decisión de contruír un muro de contención para evitar que se siga desprendendo a zona próxima á vía que dá acceso a Adoufe, que chegou a estar incomunicado despois do corremento de terras ao caer os cables da instalación eléctrica sobre el. As obras comezarán este mesmo mércores e o muro será de pedra.

Zona do corremento

Ademais, Erimsa, firma encargada da canteira na que se produciu o desprendemento, apostou por habilitar unha estrada alternativa “uns metros máis arriba, unha estrada paralela en terreos superiores de canteira”, algo que tamén comezará este mércores.

Ambas medidas son de seguridade e non se reabrirá á circulación o camiño afectado ata que o xeógrafo confirme “que a contención está feita e xa hai seguridade”, asegurou Louzao en referencia ao momento no que se remate o muro. “Aínda así, a empresa propón un segundo viario, tamén como medida de seguridade”, engadiu.

Os veciños de Adoufe, como medida provisional, poden pasar polos terreos da canteira. Empregouse unha pista forestal mellorada con zahorra, pero o paso é estreito e esixe unha alternativa.

Despois desta reunión, o alcalde visitou a estrada cortada na que, tal e como xa avanzou este medio no seu momento, apareceron fendas despois do corremento de terras. Ademais, reuniuse cos veciños para coñecer se teñen algunha outra necesidade ou petición.

Apareceron fendas na estrada a Adoufe

Louzao sinalou que as intensas precipitacións non fan fácil traballar sobre o terreo, polo que insistiu en que a información tense que ir actualizando “día a día”. Cómpre sinalar que para este mércores activouse un novo aviso laranxa por acumulados de 80mm en 12 horas.

Imaxe de portada: reunión de Louzao co xeólogo, Erimsa e Isabel González // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario