A voceira de Móvete, Mar Blanco Casais, participou na última entrega do A Estrada a Debate, no que puido dar a coñecer a postura do seu partido en torno á situación da vivenda. En concreto, igual que o resto de participantes, tivo que responder ás preguntas de como facilitar o acceso á vivenda e como reducir o número de vivendas baleiras.
“Dende Móvete temos claro que a clave para fixar poboación na Estrada é garantir o acceso á vivenda”, comezou. Lembrou que os que máis dificultades teñen á hora de acceder a unha vivenda son as persoas máis novas e que a renda media dos estradenses tampouco axuda á hora de facelo, especialmente na vivenda nova.
“A parte de que hai pouca, é excesivamente cara e cos salarios que temos na Estrada é moi difícil acceder a esta vivenda nova”
Mar Blanco Casais, Móvete
Propuxo “poñer a disposición do banco de alugueiro toda a vivenda baleira que existe e que non está a disposición de ser alugada”. Para promover que iso aconteza, aposta por poñer en marcha “seguros que aseguren a renda do alugueiro e seguros que contemplen os desperfectos que poidan facer os inquilinos”.
Con iso en marcha, asegura Blanco Casais, “os propietarios sentirían a seguridade para poder poñer a súa vivenda a disposición de ser alugada”. Do meso xeito, comentou que contan con “estudos económicos que garanten a viabilidade de ser asumidos polo Concello”.
Asemade, ve necesario incrementar o IBI a aquelas vivendas que estean baleiras, así como promover no rural “a recuperación e restauración de vivenda que está abandonada”, algo que, para facelo, sería necesario “mellorar os servizos do rural”, especialmente nun momento no que “máis xente está disposta a irse a vivir ao rural sempre e cando haxa servizos”.
Imaxe de portada: Mar Blanco Casais // Xornal da Estrada

Deixar un comentario