Nun concerto no que estarán acompañados polos estradenses Noxo
A Estrada vivirá un intenso fin de semana de música e cultura arredor de Loita Amada, que presenta en directo o seu novo disco Resistir é Vencer o sábado 14 de xuño na sala Nicol’s, a partir das 21:00 h.
O novo disco de Loita Amada, Resistir é Vencer, foi gravado nos Estudos Garate baixo a produción de Kaki Arkarazo e supón o traballo máis pulido e contundente da banda ata o momento. Ao longo de once temas, o grupo debulla a súa poesía revolucionaria sobre unha base de rock duro con influencias de punk, folk, metal, reggae, ska, e tradición galega, contando con colaboracións de luxo como Nuno Pico (Grande Amore), Tanxugueiras, Xiana Lastra (A Banda da Loba), Vituco Neira (Ruxe Ruxe) ou o trikitilari Joseba Tapia.
Estarán acompañados da banda local de punk rock Noxo, unha das propostas máis directas e viscerais da escena da Estrada. Cun son cru, letras afiadas e un directo sen concesións, representan o lado máis irreverente do punk feito na comarca. Para este concerto tan especial podense adquirir as entradas de xeito anticipado na propia Sala Nicol’s, en Lugar del Vino e en afouta.com
A xornada cultural completarase cunha exposición fotográfica na antiga Fundación Abanca, que se inaugurará o venres 13 ás 20:00 h, e que poderá visitarse o sábado 14 de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 h. Ademais, o sábado ás 19:00 h nos Minicines Central proxectaranse videoclips e documentais de Loita Amada, servindo de antesala ao concerto da noite.
Loita Amada é a banda liderada por Pablo Carracedo (Jasper), músico vencellado á escena local da Estrada tras o seu paso por formacións como Xenreira ou Nao. Activa desde 2022, a banda consolidou un son propio que mestura rock duro con influencias punk, folk, metal, reggae, ska, pop e tradición galega, sempre cunha forte carga poética e reivindicativa. Estarán acompañados da banda local de punk rock Noxo, unha das propostas máis directas e viscerais da escena da Estrada. Cun son cru, letras afiadas e un directo sen concesións, representan o lado máis irreverente do punk feito na comarca.
Deixar un comentario