Durán explicou que os contedores teñen bocas dese tamaño para “evitar voluminosos e bolsas industriais que atasquen ou dificulten o baleirado“
O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, fixo un novo chamamento á cidadanía após terse atopado o servizo de recollida de lixo con voluminosos a carón dos contedores e con bolsas de plásticos á beira do colector cando estaba practicamente baleiro.
Dende o departamento que lidera Durán lembran que “o mantemento dunha vila limpa non depende exclusivamente da frecuencia ou eficiencia dos servizos de limpeza, senón tamén do compromiso individual de cada cidadán co seu entorno”.

“A limpeza e o coidado da Estrada son unha tarefa de equipo. Contamos cun servizo que traballa a diario pero, para que este sexa eficaz, precisamos da complicidade dos veciños. Ver unha neveira abandonada na beirarrúa ou lixo fóra de colectores baleiros non só prexudica a imaxe da Estrada, senón que supón un risco de salubridade e un custo engadido que pagamos entre todos”, sinalou Durán.
“A maioría da veciñanza é exemplar e, precisamente por respecto a esa maioría quecumpre as normas, pedimos un pequeno esforzo adicional”
Óscar Durán, concelleiro de Servizos Municipais
Comentou que é habitual atoparse con bolsas de lixo fóra do seu punto de depósito. Sobre iso, explicou que as bocas dos contedores amarelos “son así adrede, co propósito de evitar voluminosos e bolsas industriais que atasquen ou dificulten o baleirado”. Aproveitou a ocasión para lembrar que o punto limpo de Penerada conta cun horario ampliado e que existe un servizo de recollida de voluminosos. Para este último, é necesario chamar ao Concello ou completar o formulario dispoñible na web municipal.
Imaxe de portada: exterior e interior dun contedor de plástico na Avenida Benito Vigo // Concello da Estrada

Deixar un comentario