O tráfico na Farola restablecerase antes de Semana Santa

O tráfico na Farola restablecerase antes de Semana Santa

Este xoves comezará o formigonado da plataforma pola que circularán os vehículos

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, anunciou que este mes a Farola quedará aberta ao tráfico rodado de forma definitiva. Este xoves comezarán os traballos de formigonado na zona destinada aos coches e, ao remataren, será necesario que seque e se asente a nova superficie antes de que se recupere unha zona de tránsito que se perdera nos últimos meses.

Segundo informou o rexedor, este xoves, venres e luns, aproveitando as previsións meteorolóxicas favorables, os operarios botarán o formigón que se empregará na superficie pola que circulen os coches. Ao contrario de fases anteriores da obra nas que se formigonou a praza, esta será a superficie definitiva.

Despois, será necesario agardar varios días para reabrir a praza ao tráfico. “Unha vez que estea botado o formigón necesitará un período de endurecemento do material e iso permitirá que para a Semana Santa, para finais deste mes de marzo, xa se poida abrir ao tráfico toda a parte dos vehículos nas rúas Pérez Viondi, Rúa 56 e San Paio”, informou Louzao.

“Esta será unha parte da obra xa rematada”, continuou o alcalde, quen apuntou que nas últimas semanas os traballos centráronse en delimitar os espazos reservados para os vehículos dos dos destinados aos peóns, algo que xa permite intuír como quedará finalmente a Praza de Galicia.

Tras isto, os seguintes pasos pasan polo empedrado da zona peonil, a colocación do mobiliario e iluminación e a colocación da nova fonte, que é a que antigamente estaba na alameda.

“Os tempos son os que son e somos conscientes de que houbo molestias. Entre as chuvias e as obras houbo prexudicados e queremos agradecer publicamente a exemplaridade dos comerciantes e dos veciños”, declarou Louzao en relación ás consecuencias da realización das obras de peonalización.

“Se a peonalización de Calvo Sotelo e Ulla foi exitosa, a Praza de Galicia será a guinda do pastel, de todo este proceso humanizador”, engadiu.

Imaxe de portada: A Farola, lista para o formigonado // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario