O 17 e 18 de abril A Estrada vai acoller un seminario internacional da USC, sendo a primeira ocasión que algo así ocorre. A concelleira estradense de Cultura, Lucía Seoane, e oinvestigador da Facultade de Ciencias da Educación e integrante do Grupo de Investigación Terceira Xeración da Universidade de Santiago de Compostela, Marcos Pequeno Gorís, presentaron o cartel do seminario “Emocións e Educación, un dereito. As artes como vínculo emocional” e confirmaron que queda aberta a matrícula.
Orientado a profesionais e estudantes da área educativa, social e cultural, quedará aberto á cidadanía en xeral no caso de que queden prazas libres. O prazo de matrícula remata o 6 de abril.
Vaise desenvolver en dúas modalidades: presencial, no MOME, e online, vía Teams. Nel, abordaránse catro liñas temáticas: Emocións, educación e migracións; Emocións, educación e artes; Emocións, educación e Axenda 2030 e Emocións e educación de maiores.
En canto a horarios, o venres terá lugar de 15.30 a 20.00 horas e o sábado, de 10.00 a 20.00 horas, cunha pausa para o xantar entre as 14.00 e as 15.00 horas. Ás persoas que asistan ao 80% das sesións expediráselles un certificado de asistencia.
Para estradenses e estudantes da USC a matrícula será gratuíta. Os demais participantes terán que pagar 10 euros, que ascenderían a 30 con envío de póster. A matrícula realizarase chamando ao Departamento de Cultura (986 573 601) ou a través dun formulario online.
Imaxe de portada: Presentación do cartel // Concello da Estrada

Deixar un comentario