Este luns o Concello acolleu a presentación da IV Andaina Ruta da Sidra – Camiño do Miñoto en Flor. Esta celebrarase os domingos 12 e 19 de abril, tendo a saída e chegada na igrexa de Pardemarín e contando con visitas a BioFruitGalicia e ao Lagar Rabiosa.
Serán 14,5 quilómetros por unha ruta de dificultade media-baixa. O punto de encontro previo á saída marcouse ás 9.00 horas na igrexa de Pardemarín para, media hora máis tarde, pór rumbo polo itinerario Camiño Miñoto a Ancorados para visitar as instalacións de BioFruitGalicia. Alí degustaranse produtos elaborados con berries.
Ao remate da visita, continuarase polo itinerario Ruta da Sidra para chegar ao Lagar Rabiosa, xa en Pardemarín, onde contan estar en torno ás 13.30 horas. Degustaranse sidras e un pincho antes de continuar ata a igrexa da parroquia, onde rematará a ruta.
As inscricións faranse a través do correo andainaminotoenflor@hotmail.com ata dous días antes de cada andaina e terá un custo de oito euros por persoa. Cada andaina terá un aforo máximo dunhas 60 persoas, aínda que se podería ampliar lixeiramente.
Dada a alta afluencia coa que conta edición tras edición – chegando a atraer a persoas doutros concellos -, este ano decidiuse ampliala a un segundo día.
Imaxe de portada: presentación da andaina // Concello da Estrada

Deixar un comentario