O voceiro do BNG, Xoán Reices, mostrou a “perplexidade” que xerou no seo do seu partido a intención de crear un centro tecnolóxico en Sabucedo, posto que na parroquia non hai fibra óptica.
No proxecto de rehabilitación do albergue de Sabucedo, lugar que acollería este centro tecnolóxico, establécese que se vai dotar “a aula informática deste Centro tecnolóxico con 20 ordenadores portátiles conectados á rede wifi do Concello [é dicir, da operadora AEstradaDixital], que servirán para atender a demanda de formación da poboación rural do sur do municipio, que logo poderán empregar para a realización de diversos trámites”.
Reices asegura que “isto é un despropósito máis dun goberno desnortado, que fai as cousas ao chou e para a galería” e que, para poder impartir cursos de informática, “é imprescindíbel ter acceso a internet decente”.
Sinala que “non nos opoñemos a que se arranxe o albergue para que a asociación Rapa das Bestas teña un espazo onde desenvolver as súas actividades”, aínda que engade que “pedímoslle ao concello que non tome á veciñanza por parva, vendendo como centro tecnolóxico o que é literalmente fume” e incide na necesidade de que exista banda ancha a través de fibra.
Ademais, lembra que “aínda hoxe hai lugares no que a fibra óptica é unha quimera, hai veciños e veciñas da Estrada completamente desconectados das grandes redes de comunicación, a pesar das cuantiosas subvencións recibidas polas operadoras para levar a fibra óptica a todos os recunchos do concello”.
Deixar un comentario