Dende o pasado venres A Estrada está a ser sede Erasmus+ grazas ao proxecto Equal Play organizado pola asociación Imaxina e Axuda. Nel, 16 persoas procedentes de Serbia, Grecia, Ucraína, Portugal e España están a aprender sobre deporte inclusivo. Conversamos con algúns dos participantes sobre a súa experiencia e todos destacan a boa experiencia que están a vivir e o acollemento dos estradenses.
Aleksandra chegou dende Serbia, onde estuda mediciña e traballa con mulleres con baixa autoestima. Recoñece que lle está gustando o curso porque “falamos de inclusión de persoas con discapacidade” e destaca a amabilidade dos estradenses e a “atmósfera moi positiva” que hai. “Este curso estame axudando a entender mellor a diferentes persoas e a ser máis aberta e empática”, explica.
“Este curso estame axudando a entender mellor a diferentes persoas e a ser máis aberta e empática”
Aleksandra, Serbia
Pedro viu dende Portugal. “Esta experiencia está sendo moi gratificante”, asegura antes de comentar que “hoxe [por domingo] xa tivemos a oportunidade de experimentar un xogo inclusivo, que é o pickleball. Foi a primeira vez que xoguei e é enriquecedor todo o que estamos a aprender aquí”. Destaca a variedade de idades e países que existe entre os participantes, algo que define como “gratificante”.
“A Estrada é un sitio maravilloso; La Estación é un espazo fenomenal que o que están facendo aquí coa xuventude e coa comunidade, dende a miña perspectiva, é moi importante”, asegura antes de agradecer a Laura Piso, organizadora do programa, e a Alonso e a Annie, fundadores de La Estación, “por este training“.
“Estou neste programa convidado por unha organización da miña rexión, que é Trinta Por Uma Linha”, conta, pois el forma parte da asociación ACRADE – Salamandra Activa, unha asociación rural, cultural e deportiva. Engade que un dos motivos que o levou a participar no Equal Play foi “aprender sobre inclusión a través do deporte, que é un tópico sobre o que aínda non teño moito coñecemento e queremos traballalo na asociación”.
“A Estrada é un sitio maravilloso; La Estación é un espazo fenomenal”
Pedro, Portugal
En canto a españois, un dos que asiste a este programa é Sergio. Procedente de Málaga, ten unha asociación, Surca Europa. “A experiencia está sendo incrible”, resume antes de reseñar que “o aloxamento está sendo incrible e a xente de Galicia tamén é incrible”.
“Descubrimos deportes novos que non sabiamos que existían, como o jugger, xa que é un deporte moi interesante do que non sabiamos absolutamente nada del. Despois, o pickleball é un deporte que está empezando e tampouco sabía nada del, así que guai”.

Un dos motivos que o levou a participar foi que se quere adicar ao deporte e “todo o que poida ser deporte en inclusión e aprenda sobre iso para despois aplicalo á miña asociación e aos meus mozos cos que traballo, pois moito mellor”.
Unha das preguntas na que ninguén dubida á hora de responder é na de se animarían á xente a participar nos programas do Erasmus+. Pedro recoñece que lle gustaría telo coñecido antes. “Son programas fenomenais porque temos a oportunidade de ir fóra a aprender sobre tópicos diferentes”, asegura. Engade que todos os anos vén a Galicia, onde ten familiares.
“A min cambioume a vida facelos”, resalta Sergio. “Eu non sabía o que era un Erasmus+ e hai tres anos comecei a facelos. Gustoume tanto a experiencia, xa que aprendes inglés, outras culturas, abres a mente, viaxas… Son cousas súperenriquecedoras que che veñen ben no teu día a día cando vés a casa”, continúa antes de animar a todos a participar nestes programas.
“Sei que ás veces custa porque non sabes como funciona, pode darche medo facelo só, non tes amigos cos que poidas facelo… Faino só e inténtao porque son experiencias incribles”
Sergio, Málaga
Imaxe de portada: participantes no programa Equal Play // Xornal da Estrada

Deixar un comentario